Últimos días para inscribirse nos cursos homologados sobre blogs
Máis de setenta profesores apuntáronse xa para participar nas sesións formativas gratuítas sobre cadernos dixitais. Se es docente dun centro Voz Natura non esperes máis e inscríbete.
Desde o curso pasado, cada colexio, instituto ou asociación pode abrir o seu propio blog ao amparo do programa. Agora, Voz Natura quere potenciar estes eco-cadernos a través de actividades formativas —gratuítas e homologadas pola consellería de Educación— para os docentes de centros involucrados nesta iniciativa. O prazo de inscrición finaliza o vindeiro xoves 15. INSCRÍBETE AQUÍ
Os blogs constitúen un punto de encontro para a comunidade Voz Natura e convertéronse nun vehículo para trasladar ao resto da sociedade e da blogosfera as súas inquietudes ambientais. Profesores e alumnos son os encargados de darlles vida e enriquecelos coas súas achegas, con todo, son os docentes os responsables de coordinar todo o traballo e o desenvolvemento do blog.
Para facilitar este labor, Voz Natura ofreceralles nos próximos meses a posibilidade de asistir a seminarios especializados. O obxectivo será que os profesores adquiran as competencias necesarias en novas tecnoloxías de información e comunicación para crear un blog e administralo a través do xestor Wordpress, unha das plataformas máis utilizadas en todo o mundo para a creación de bitácoras e con múltiples potencialidades.
Os cursos —eminentemente prácticos— centraranse tamén na integración dos cadernos no proxecto ecolóxico do centro e o seu potencial como instrumento cooperativo da comunidade escolar. Serán impartidos polo novo coordinador dos blogs de Voz Natura, Óscar Francesch, responsable tamén do blog mestre do programa, BlogNatura. Cada seminario terá unha duración de tres horas, repartidas en tres días consecutivos, en horario de 18.00 a 21.00 horas.
A través desta web comunicaranse os lugares de realización e as datas, que se fixarán en función da demanda dos profesores.