Participa nos nosos cursos homologados sobre blogs
Voz Natura ofrece aos profesores participantes no proxecto a posibilidade de asistir a sesións formativas gratuítas sobre a creación de cadernos dixitais. Se estás interesado preincríbete xa antes do 15 de xaneiro.
Os blogs de Voz Natura afrontan a súa segunda edición cunha nova ferramenta. Os centros xa poden crear o seu propio caderno dixital a través de WordPress, un dos xestores de contidos máis utilizados na blogosfera con múltiples utilidades e de fácil manexo.
Desde a organización de Voz Natura queremos axudar a profesores e alumnos na tarefa de posta en marcha dos blogs realizando cursos formativos para os docentes responsables dos cadernos en cada centro. Para poder deseñar un calendario de cursos nas diferentes zonas de Galicia necesitamos previamente coñecer o interese en participar nesta actividade. Por este motivo, se es docente nun centro Voz Natura, responsable dun blog, e estás interesado en asistir a estas sesións formativas pedímosche que realices a PREINCRIPCIÓN AQUÍ antes do próximo 15 de xaneiro.
En función das preinscricións, realizaremos un calendario de cursos que comezarán, en todo caso, a partir do mes de febreiro.
As sesións formativas serán impartidas polo novo coordinador dos blogs de Voz Natura, Óscar Francesch, responsable tamén do blog mestre do programa, BlogNatura.
Animámosvos a participar nestes cursos, completamente gratuítos e que ademais estarán homologados pola Consellería de Educación, nos que poderedes iniciarvos no universo blog dun xeito sinxelo e, sobre todo, útil para o desenvolvemento dos vosos cadernos, ademais de resolver as dúbidas que vos xurdiron nos vosos comezos.