CAST | GAL

Décimo segunda edición (2008-2009)

Goza dun Nadal ecolóxico con Voz Natura

 
Se durante todo o ano te esforzáches por coidar o medio ambiente, non baixes a garda nestas festas. Os centros Voz Natura así o fan e, ademais, o colexio Domingo Fontán, de Portas, proponche como crear o teu propio eco-belén.

Reciclar e utilizar adornos dos Nadais anteriores é algo que non só axuda a aforrar diñeiro senón que, ademais, resulta moi beneficioso para o medioambiente. Os centros Voz Natura, son auténticos especialistas neste tema e a estas alturas xa lles están dando as últimas pinceladas aos seus beléns elaborados con material de reciclaxe.

Á hora de escoller a decoración do Nadal hai que ter en conta se os elementos que se utilizan están feitos con materiais ecolóxicos. Os aerosois de neve, por exemplo, contribúen ao cambio climático e ademais, os seus envases non son reciclables.

Arrincar acivro ou brión dos bosques para utilizalos nos Nacementos resulta bastante prexudicial para os nosos bosques e chegouse a converter nunha práctica realmente insostible. Algo parecido ocorre coas árbores de Nadal. Os abetos e outras pináceas convertéronse nun obxecto de consumo do Nadal de usar e tirar. Cada ano, pasadas estas festas, máis dun millón e medio de árbores van parar ao lixo.

Desde o programa ambiental de La Voz de Galicia trabállase moi duro, ao longo de todo o curso, con importantes actividades de reforestación de montes como as que realiza o CPR Maristas Santa María que leva cinco anos plantando en distintos bosques ourensáns e que, ata agora, conseguiu plantar máis de 3.500 árbores autóctonas entre piñeiros, carballos, castiñeiros e outras moitas especies. Por iso ante esta talla inxustificada propomos outras actividades moito máis respectuosas cos nosos bosques, por exemplo, adornar as árbores que temos nos nosos xardíns, elaborar un axudándonos de papel reciclado ou procedente de restos de podas, ou utilizar unha especie de viveiro que, máis adiante, poida replantar, sempre tendo en conta que a súa localización sexa a máis apropiada para o seu desenvolvemento.

O consumo enerxético é un dos factores que se dispara nestas festas. Algo que saben dabondo moitos dos colexios de Voz Natura como o CEIP de Chans en Bembrive, onde ata están preparando unha patrulla de vixiantes de aforro enerxético que traballará no propio centro. Sendo un pouco coidadoso pódese conseguir reducir bastante este consumo, basta con adquirir pequenos hábitos; diminuír a utilización do coche á hora de saír a comprar os agasallos e no seu lugar utilizar o transporte público ou ir a pé, evitar na medida do posible o uso de luces do Nadal e se as utilizo vixiar que sexan de baixo consumo, colocalas en lugares concretos e só acendelas nas noites sinaladas.

O fundamental é non deixarnos levar polo consumismo e ante todo, impedir que o Nadal perda o seu verdadeiro sentido tamén resultase beneficioso para o planeta.