Miles de alumnos galegos achéganse á agricultura ecolóxica con Voz Natura e Craega
Será ao longo desta mañá, no colexio Hijas de Jesús, da Coruña. Os seus máis de novecentos alumnos serán os primeiros en participar este curso nesta campaña co obxectivo de formar e informar aos máis pequenos sobre as vantaxes da produción e consumo de alimentos respectuosos co medio ambiente.
A experiencia que vivirán os alumnos coruñeses chegará durante os próximos meses a centros de Ribeira (Ceip de Palmeira), Muros (IES As Ínsuas), Ponteceso (CRA Nosa Señora do Faro) e Brión (Ceip de Pedrouzos), entre outros colexios e institutos.
A campaña Comer San = Eco-Lóxico que agora comeza nos centros participantes no programa da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre está avalada polo éxito alcanzado en anteriores edicións. Desde a súa posta en marcha, en 2006, participaron miles de alumnos de toda a xeografía galega.
Programa
Os alumnos dos centros participantes comezarán o día cunha presentación e unha degustación de produtos ecolóxicos que Craega (Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica) levará ao seu comedor escolar. Posteriormente, os colexios interesados poderán recibir información e propostas para implantar un menú ecolóxico durante toda a semana.
Durante a xornada, os alumnos asistirán a charlas informativas e proxeccións audiovisuais adaptadas á súa idade. Os máis pequenos, de Infantil e Primaria, asistirán á estrea dun DVD educativo protagonizado pola Cenoria Ecolóxica e, ata, poderán coñecer en directo a este personaxe, mascota da campaña.
Por outra banda, os técnicos de Craega repartirán dípticos, diverso material informativo e un recetario ecolóxico, elaborado por Héctor López, un dos integrantes do Grupo Nove, formado por dezasete cociñeiros galegos comprometidos coa cociña galega de calidade e cos que o Consello Regulador está desenvolvendo unha campaña paralela para promocionar os produtos ecolóxicos.
Os centros Voz Natura que non se inscribiron aínda nesta actividade, poden facelo chamando ao teléfono 982 405 300.