Eco-entroido nos centros Voz Natura
Estes días, máis que nunca, os centros educativos, os pais e as nais levan a imaxinación ao poder para conseguir os disfraces máis orixinais e, xa de paso, baratos. Se, ademais, o traxe e os complementos poden ser ecolóxicos, éxito garantido. Baixo estas premisas traballaron durante os últimos días os centros Voz Natura e conseguiron que o entroido do 2009 leve novamente o selo ecolóxico.
Na provincia de Ourense, onde o entroido conta cunha gran tradición, os alumnos do Ceip Ramón Otero Pedrayo, do Barco de Valdeorras, decantáronse polos complementos carnavaleros elaborados con material reutilizado. Así, os máis pequenos de Infantil crearon unha ampla gama de instrumentos musicais -desde maracas ata frautas- botando man da imaxinación e da conciencia ambiental. Os de Primaria centráronse nas caretas. E, entre todos, decoraron o centro con motivos da época aproveitando materiais que doutro xeito irían parar ao lixo.
Moi preto, e tamén no corazón do entroido, Voz Natura triunfou nos concursos do xoves de compadres e comadres organizados polo concello de Monforte de Lemos. Primeiro, e na categoría de centros educativos, cun compadre creado polas profesoras no que puxeron a traballar a todos os seus compañeiros para loitar contra o feísmo do dique, formando con todos eles o equipo Voz Natura. Despois, foron as profesoras e o equipo directivo as que gañaron cunha comadre creada pola Asociación de Nais e Pais do centro denominada Escola de xardinería Voz Natura.
Orixinalidade
Volvendo á provincia ourensá, centros como o CPR Nai de Dios , de Barbadás, ou o Ceip Condesa de Fenosa, do Barco de Valdeorras, tamén botan man da reciclaxe para crear os disfraces ou bonecos de entroido. No primeiro caso, coas recorridas bolsas de lixo e con sacos crearon distintos disfraces inspirados nos contos infantís. En Barbadás, tampouco faltou a merenda con sobremesas típicas destas datas que os alumnos levaron ao centro o pasado venres e compartiron cos seus compañeiros.
En Pontevedra, a Escola de Educación Infantil Concepción Crespo Rivas foi en grao sumo orixinal. Os disfraces foron confeccionados nas aulas inspirados nas estacións do ano, dentro un proxecto Voz Natura grazas ao cal os docentes están achegando aos máis pequenos ao papel que teñen os seres humanos nas variacións climáticas.