CAST | GAL

Décimo segunda edición (2008-2009)

Dúas escenas tradicionais galegas gañan o concurso de Voz Natura e Leite Celta

 
Unha lograda composición da imaxe foi o elemento decisivo para a concesión dos primeiros premios do segundo certame de fotografía ambiental. O xurado do concurso destacou esta característica nunha instantánea dun percebeiro sorprendido por unha gran onda na costa de Corme -primeiro premio da categoría infantil- e noutra dunha paisaxe cuberta de néboa en Silleda, convertido nunha escena máxica -gañadora xuvenil-.

A fotógrafa coa pericia necesaria para captar a imaxe no momento xusto no que a silueta do percebeiro se destaca sobre o branco da espuma do mar é Paula García Abad, de 11 anos, alumna do colexio Franciscanas, da Coruña. Xunto a ela, logrou o segundo premio na categoría infantil, a fotografía de Pablo Rama Torres (11 anos, A Coruña) e o terceiro posto foi para Daniel Pan Lebón (6 anos, Arteixo).

Na categoría xuvenil (de 13 a 18 anos), o gañador foi Xoel López Barata (14 anos, Ourense) que logrou crear unha atmosfera máxica cunha imaxe da néboa cubrindo un campo en Silleda. O xurado seleccionou como segundo premio o traballo de Carlota Briones Muíños (17 anos, IES Rafael Dieste da Coruña) e, como, terceiro unha fotografía de Rebeca Pérez Pérez (18 anos, colexio Divina Pastora de Ourense).



Premios 
Os seus autores recibirán os seus premios no transcurso da festa fin de curso de Voz Natura que se celebrará o próximo 6 de xuño no parque de Acea de Ama (Culleredo - A Coruña). Durante toda a xornada, o parque acollerá tamén unha exposición coas seis imaxes premiadas e as finalistas de cada categoría.

Os primeiros clasificados recibirán unha cámara de fotos dixital de 12 mp con zoom óptico, trípode e funda para que poidan seguir desenvolvendo a súa afección pola fotografía. Os segundos levarán unha bicicleta de montaña de aluminio lixeiro, de 24 velocidades e casco. Os terceiros recibirán un completo kit de aventura que inclúe unha tenda de campaña, saco de durmir con illante e lanterna.

O xurado estivo composto por:

- María José Arrojo Baliña, subdirectora da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre en representación do director, José Francisco Sánchez.
- Rafael Sanguino Martínez, director de Marketing e Vendas da Corporación Voz de Galicia
- Ana Benito, trade marketing assistant de Lactogal
- Víctor Mejuto Seoane, xefe do departamento de Fotografía de La Voz de Galicia
- Manuel Marras Ramos, xefe de Tratamento de Imaxe de La Voz de Galicia
- José Luis Reza Pérez, responsable de Marketing Operativo da Corporación Voz de Galicia
- José Antonio Díaz Núñez, micólogo e representante do Comité Científico de Voz Natura
- Nazareth Díaz Castro, coordinadora de Voz Natura