Participa na terceira edición do concurso de fotografía ambiental
Voz Natura e Leite Celta convocan a terceira edición do seu concurso de fotografía ambiental co obxectivo de pór en valor o importante patrimonio natural de Galicia. Poden participar nenos e mozos ata 18 anos, formen ou non parte da comunidade Voz Natura.
Os traballos que se presenten deben recoller os diversos ecosistemas presentes en Galicia desde un punto de vista creativo, orixinal e interesante. Estes serán precisamente os factores que o xurado do certame teña en conta á hora de fallar os premios.
O concurso estrutúrase en dúas modalidades:
- Infantil: para nenos ata 12 anos.
- Xuvenil: de 13 a 18 anos.
O sistema de participación é moi sinxelo: unha vez realizada a fotografía, a imaxe debe inserirse directamente na maqueta oficial do concurso (descárgaa aquí), cóbrense os campos solicitados e envíase ao correo electrónico do programa (voznatura@lavoz.es). Para as persoas que non dispoñan de cámara dixital, tamén cabe a posibilidade de imprimir a maqueta, pegar a imaxe no lugar reservado para iso e enviala por correo postal a Voz Natura. O prazo de presentación de traballos finaliza o próximo 15 de abril.
En cada categoría entregaranse tres premios:
- 1º premio: cámara de fotos dixital de 12 mega píxeles (con zoom óptico, trípode e funda)
- 2º premio: consola sobremesa Wii de Nintendo.
- 3º premio: bicicleta de montaña de alumnio lixeiro de 24 velocidades e casco de seguridade.
Os gañadores recibirán os seus galardóns no transcurso da festa fin de curso de Voz Natura, que se celebrará o próximo mes de xuño, no parque de Acea de Ama (Culleredo- A Coruña).