Voz Natura volve ás aulas...
...ás aulas, aos patios escolares, aos montes, aos ríos, ás praias... E é que co comezo do curso, 261 centros galegos volven ter o coidado da natureza entre as súas materias predilectas. Son preto de 45.000 nenos e mozos os que este curso darán vida ao noso programa de educación ambiental.
Desde Tui ata Ribadeo e desde Verín ata Fisterra, o mapa de Galicia está cheo de puntos verdes. Tantos como centros educativos de todos os niveis —agás o universitario— e asociacións que este curso 2009-2010 forman a comunidade ecolóxica máis numerosa de Galicia.
Aínda que algúns se preocuparon de continuar cos seus traballos da pasada edición durante o verán, será agora co inicio do curso cando os proxectos comezarán a converterse en realidade.
Uns dos máis madrugadores son os alumnos do CEIP Nicolás do Río, de Cedeira, a través do ANPA Picapeixe. O vindeiro xoves día 10, coincidindo co inicio das clases, inaugurarán un mural que leva por título Biodiversidade-Homenaxe a Darwin, co que comezarán a traballar no tema central desta edición de Voz Natura. Trátase de seis paneis que recrean pictóricamente a fauna e a flora dos cinco continentes e da Antártida. Ademais, organizarán unha charla dun especialista sobre o tema e unha exposición sobre fauna e flora ameazada de Galicia.
A través desta web, poderás seguir o curso de traballo nos centros Voz Natura.