Novo Espazo Natural de Interese Local con selo Voz Natura
A consellería do Medio Rural concedeu esta catalogación á Xunqueira de Alba, atendendo a unha petición do concello de Pontevedra. Os primeiros en festexar tal recoñecemento foron os alumnos e profesores do colexio Os Salgueiros que levan anos traballando para recuperar e protexer este espazo.
A satisfacción de toda a comunidade escolar por este recoñecemento resúmea o coordinador do traballo, Ramón Sineiro: «Trátase dunha zona na que este Colexio, ao amparo do programa Voz Natura e en colaboración coas diferentes institucións (concello, ministerio, consellerías, comunidades de montes...), desenvolveu numerosas actividades de rexeneración, reforestación e conservación da biodiversidade. Xa que logo, no colexio estamos tremendamente orgullosos de achegar o noso gran de area para lograr tan merecido recoñecemento ambiental e anímanos a seguir traballando na mesma liña».
Parabén a todos!!