O Comité Científico de Voz Natura termina a súa primeira rolda de visitas
Preto de 15.000 quilómetros son os que os membros do Comité Científico de Voz Natura percorreron nestes dous últimos meses para completar a primeira rolda de visitas aos máis de 260 centros que o programa ambiental da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre ten inscritos por toda Galicia durante o presente curso.
Nesta primeira visita o Comité Científico aproveitou non só para achegarse a profesores e alumnos e dar a benvida aos que se estrean este ano no programa, senón tamén para coñecer, no propio terreo, o proxecto ambiental que desenvolverá cada centro ao longo do curso. Unha das misións do Comité, composto por destacados profesionais do mundo da ciencia, a educación e a comunicación, é a de velar por que a elaboración de todos os proxectos sexa rigorosa e que responda ao compromiso de responsabilidade ambiental que Voz Natura adquiriu co patrimonio natural de Galicia. Por iso, desde esta primeira toma de contacto, os expertos están a disposición dos colexios para asesoralos en calquera aspecto do seu traballo ambiental. A calidade dos traballos presentados aumenta ano tras ano e a estas alturas o 90% dos proxectos están a pleno rendemento.
O Comité Científico tamén comprobou que nesta décimo terceira edición, dedicada á biodiversidade, a maioría dos centros desenvolven traballos relativos ao tema: protexen especies vexetais e animais ou crean pequenos hábitats no propio colexio.
A mediados de febreiro o Comité Científico iniciará a segunda rolda de visitas para comprobar como seguen evolucionando os traballos e comezar a puntualos para os premios.
Con toda a información que se recolla destas visitas e unha vez analizadas as memorias do proxecto que debe entregar cada centro, os integrantes do Comité terán que tomar unha difícil decisión a mediados de maio: establecer quen serán os gañadores desta nova edición.