Un centenar de profesores participaron nos cursos sobre blogs
Por segundo ano consecutivo, preto dun centenar de docentes de centros Voz Natura asistiron aos seminarios, homologados pola Consellería de Educación, sobre a creación de blogs ambientais. Os cursos impartíronse en sete localidades galegas durante os meses de outubro, novembro e decembro.
Da man do responsable do Blog Mestre de Voz Natura, Óscar Francesc, os profesores volveron ás aulas para recibir unhas nocións básicas sobre a parte máis técnica da creación dun blog e sobre a súa aplicación como un elemento didáctico para achegar aos alumnos ás novas tecnoloxías e mostrar a toda a comunidade o labor ambiental que se desenvolve no seu centro.
O resultado desta actividade formativa é unha comunidade bloguera Voz Natura que non para de crecer e que actualmente está formada por 117 cadernos dixitais.