Voz Natura traspasa fronteiras
Tras trece anos de vida de Voz Natura, países como Alemaña, Inglaterra, Polonia ou Dubái saben xa do compromiso ambiental dos escolares galegos a través deste programa da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre. Cada vez máis, son os propios centros os que exportan os seus proxectos aproveitando intecambios, viaxes e involucrándose en iniciativas de calado internacional.
É o caso do CEIP de San Xoán de Esmelle, de Ferrol. Son só dez alumnos de infantil e primaria, pero isto non foi impedimento para embarcarse no Proxecto Esmelle, promovido pola asociación veciñal Val de Esmelle co obxectivo de recuperar o patrimonio etnográfico e a riqueza acuífera da súa parroquia. Esta pequena comunidade educativa achega o seu gran de area nunha iniciativa que conta ata cun recoñecemento de Nacións Unidas, a través do VII Concurso Internacional de Boas Prácticas.
Tamén en recuperación do patrimonio, en concreto das fontes da súa contorna, traballaron os monfortinos do IES A Pinguela en anteriores edicións de Natura. Unha vez executado, o seu proxecto viaxou ata Polonia e a Dubái no marco dun traballo promovido pola Universidade de Lund (Suecia).
Intercambios
En Viveiro, o IES Vilar Ponte participa desde o ano 1999 na Semana Forestal Europea compartindo experiencias con alumnos de Finlandia, Suecia, Polonia, Lituania, Francia ou Serbia, entre outros. Outro exemplo é o do colexio Franciscanas, de Ourense, que aproveitou unha viaxe a Alemaña hai uns meses para analizar a cultura ambiental do país e trasladar o seu compromiso Voz Natura.
Na Coruña, o colexio Hijas de Jesús foi o curso pasado da man de centros de Alemaña, Francia e Inglaterra para analizar as cartacterísticas atmosféricas dos catro países.
Xunto con estas iniciativas, os centros Voz Natura participan tamén na campaña Plantemos para o Planeta, de Nacións Unidas, e na rede mundial Conta Atrás 2010, da UICN, para protexer a biodiversidade.