Os participantes de Voz Natura revélanse como auténticos artistas da reciclaxe
Os centros Voz Natura son expertos en reciclaxe e aínda que poida parecer que nisto da reutilización xa está todo inventado os participantes do programa ambiental da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre conseguen sorprender coa súa capacidade creativa á hora de reutilizar o material de refugallo e convertelo en obxectos como máscaras tradicionais galegas, charcas ecolóxicas ou coñecidas obras de arte.
Os colexios e asociacións que colaboran en Voz Natura saben moi ben que reciclar non só serve para darlle un novo valor ás cousas, tamén induce a un consumo máis reflexivo e contribúe a aumentar o respecto pola contorna. Por iso, ademais de realizar as accións relacionadas co tema de cada edición Voz Natura, sempre gardan tempo para outro tipo de actividades que como a reciclaxe favorecen a mellora e coidado da contorna galega.
Reciclar con arte
Rescatar un obxecto que estaba destinado ao lixo e crear algo novo, útil e á vez estético é toda unha arte que os alumnos do CEIP Galán de Arteixo desenvolveron dun xeito extraordinario co seu proxecto Reciclarche. Primeiro atrevéronse coa obra de Matisse, rescataron máis de dúas mil bolsas de lixo do esquecemento e reconvertéronas nun n> inspirado na obra do famoso artista francés. Agora decidiron repetir experiencia, esta vez coa obra do pintor e fotógrafo Fran Torrecilla cuxos cadros utilizan como modelo para as súas novas creacións.
O Centro Rural Agupado Mestre Clara Torres de Tui coñece dabondo o aproveitables que poden chegar a ser os obxectos que ninguén quere, por iso colocaron colectores de reciclaxe nas aulas aos que logo acoden para realizar adornos, colgantes, figuritas...Ademais, para lograr estender a mensaxe sobre a importancia de reciclar fóra das aulas, este centro realiza obradoiros para as familias dos alumnos nos que ensinan a reconverter o material de refugallo tamén desde casa.
Onde algúns non ven máis que unha antiga bañeira os alumnos do CEIP A Gándara de Monforte de Lemos son capaces de pensar nunha charca ecolóxica á que o único que lle fai falta son unhas cantas plantas de auga, algunha ra e ?que deixe de chover para poder instalala ao aire libre? tal e como comenta Sara Fernández, a directora do centro.
Ata durante o entroido a reciclaxe estivo moi presente en todos os centros do programa. Como na Escola Infantil San Roque (Viveiro) onde todos colaboraron para construír un enorme dragón con papel de xornal, caixas e diverso tipo de materiais. Tamén no CEIP A Gándara onde con moito esforzo e traballo conseguiron recrear unha máscara tradicional galega, A Madame de Cobre. Desde os colares da máscara, realizados con cera de abella ata os cumios, no que se podían ver partes de antigos bonecos ou teas rescatadas dalgún vestido vello, xurdiron da reciclaxe e da imaxinación de profesores, pais e alumnos.