Cabreiroá impartirá sesións interactivas sobre o consumo responsable da auga en catro centros Voz Natura
Voz Natura comezou a quentar motores para preparar a súa próxima edición, que estará dedicada ao consumo responsable da auga, pero xa desde mañá catro centros que participan neste programa ambiental que desenvolve a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre poderán empezar a tomar conciencia da importancia deste recurso para a vida das persoas, os animais e as plantas a través de sesións interactivas.
Os elixidos son centros de cada unha das provincias galegas e quen fará posible esta actividade será un dos patrocinadores do programa, Cabreiroá, que quixo implicarse no coidado do medio ambiente galego mentres estimula a imaxinación de nenos.
Cabreiroá, que patrocina Voz Natura desde o ano pasado, ofreceu ao programa a oportunidade de organizar unha serie de sesións interactivas sobre o consumo responsable da auga e a importancia de coidar o medio para manter a biodiversidade e empezará con esta iniciativa mañá na localidade lucense de Sarria.
Actividades
As actividades programadas polo patrocinador dividiranse en tres grandes bloques que se impartirán nun máximo de tres sesións duns corenta e cinco minutos e irán enfocadas a nenos de entre seis e oito anos.
O primeiro bloque tratará a importancia da auga. A través de charlas, nas que se incentivará a participación dos nenos, mostraráselles por que a auga é imprescindible para a vida do home, animais e plantas. Para comprendelo mellor se lles invitará a representar a natureza por medio de acuarelas. A necesidade de mollar o pincel en auga para poder pintar os animais e plantas é un bo exemplo para entender a dependencia real deste ben tan prezado.
No segundo bloque explicaráselles o ciclo da auga. Axudados de papeis que terán que pegar sobre unha cartolina irán vendo como a auga cambia constantemente de lugar e coñecerán os seus tres estados físicos.
Finalmente, no terceiro bloque, un mini concurso permitiralles facer un repaso dos coñecementos que adquiriron sobre biodiversidade ao longo do presente concurso Voz Natura.
Os centros escolleitos, un por cada provincia galega, estrearán a partir de mañá esta nova iniciativa. O primeiro en recibir a visita de Cabreiroá será o CEIP de Sarria Frei Luís de Granada. O 25 de febreiro farano os nenos de terceiro de primaria do CEIP de Ventín Biduído en Ames. A principios de marzo trinta e cinco nenos do colexio Guillelme Brown de Ourense gozarán destas sesións e dous días máis tarde no CEIP Escultor Acuña de Vigo finalizarase a actividade.