CAST | GAL

Décimo cuarta edición (2010-2011)

Benvidos ao novo curso Voz Natura!

 
Voz Natura estrea este curso 2010-2011 a súa décimo cuarta edición, na que a protagonista será a auga, o seu aforro e uso sostible e as actuacións sobre ecosistemas fluviais e mariños.

Nos próximos nove meses, Voz Natura, unha iniciativa de educación ambiental promovida pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, proponse sensibilizar sobre a importancia da auga como fonte de vida. Os centros educativos, escolas taller e asociacións ambientais que forman parte desta nova aventura traballarán todo o curso co obxectivo de protexer este valioso recurso.

Ademais do tema central para o presente curso, a auga, en Voz Natura seguirán tendo cabida outras propostas de acción directa sobre o medio natural galego como a limpeza de ríos e praias, plantacións de árbores, recuperación de zonas degradadas, eliminación de vertedoiros incontrolados ou posta en valor e coidado do patrimonio etnográfico.