CAST | GAL

Décimo cuarta edición (2010-2011)

Os centros Voz Natura incorporan aos seus proxectos a concienciación sobre o uso responsable da auga

 
O comité científico do programa visitou ata agora a todos os participantes de Ourense e Pontevedra e completará a próxima semana os colexios de Lugo.

O Comité Científico de Voz Natura, que visita durante o curso os centros participantes no programa para asesoralos e orientar os seus proxectos, leva un mes de percorrido por Galicia e xa constatou que practicamente todos os colexios e entidades aos que acudiu ata agora envorcáronse co tema da edición: o consumo responsable de auga.
 
”Todos os coles anímanse coa auga”, resume José Antonio Díaz Núñez, portavoz do Comité Científico, quen destaca que os colexios, institutos, asociacións e escolas taller que participan no programa da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre integraron nas súas iniciativas ambientais actividades tanto de concienciación sobre a necesidade dun uso sostible deste recurso natural como outras de acción directa sobre a contorna.
 
O Comité Científico, que está integrado por expertos en ciencia, educación e comunicación, asesorou xa nesta primeira rolda de visitas do curso a todos os centros das provincias de Ourense e Pontevedra e á maioría dos participantes de Lugo, onde terminará o percorrido esta semana.
 
A impresión destas primeiras semanas foi “moi satisfactoria”, segundo destaca o comité, que, sen descoidar o traballo dos centros máis veteranos, orienta de forma especial a aqueles colexios e entidades que participan por primeira vez en Voz Natura.

Na maior parte dos casos, os centros están desenvolvendo proxectos multidisciplinares, nos que se combinan actuacións de reciclaxe, reforestación ou limpezas con outras relacionadas directamente co tema da edición de Voz Natura, que é xa a décimo cuarta. “O fundamental está sendo a concienciación: a necesidade de adoptar hábitos positivos, de facer un uso responsable da auga...”, sinala Díaz Núñez, quen engade que esta concienciación compleméntase con actuacións directas, como o uso de dispositivos de aforro nos aseos e a revisión das instalacións para evitar un consumo innecesario deste recurso ou a limpeza de praias e ríos.

Tras concluír esta primeira rolda de visitas, o Comité Científico iniciará outra quenda no mes de febreiro para comprobar el desarrollo y la ejecución de los proyectos medioambientales, pero ademais do asesoramento a pé de campo os expertos de Voz Natura están a disposición permanente dos colexios no correo electrónico voznatura@lavoz.es. O seu traballo, ademais de todas as novidades de Voz Natura, pode seguirse tamén a través da páxina de Facebook do programa, www.facebook/voznatura e de www.voznatura.es