CAST | GAL

Décimo cuarta edición (2010-2011)

O Comité Científico destaca a boa marcha dos proxectos ambientais dos centros

 
Os participantes contan cos blogs e o Facebook de Voz Natura para dar a coñecer o seu traballo

O Comité Científico acaba de terminar a súa primeira rolda de visitas na que puido comprobar sobre o terreo a boa marcha dos máis de 270 proxectos ambientais que os centros inscritos en Voz Natura desenvolven por toda Galicia.

Nestes tres últimos meses o Comité Científico, integrado por expertos en ciencia, educación e comunicación, aproveitou estas visitas para dar a benvida aos centros que participan por primeira vez no programa e reencontrarse cos veteranos, pero sobre todo, para asesorar aos centros sobre como desenvolver os seus proxectos con rigor científico.

E é que unha dos labores dos expertos do programa é a de velar por que a elaboración de todos os proxectos Voz Natura, este ano centrados no uso responsable da auga, respondan ao compromiso de responsabilidade ambiental que Voz Natura adquiriu co patrimonio natural de Galicia.

Este ano, os centros arrincaron os seus proxectos con moita forza e case todos atópanse nunha fase moi avanzada. Ademais, os centros non se quixeron conformar con traballos monográficos e a gran maioría inclúen distintos temas ambientais nos seus proxectos: aforro de auga, reciclaxe, reforestación, recuperación de espazos degradados...
 
A mediados de febreiro o Comité iniciará outra rolda de visitas para comprobar como seguen evolucionando os traballos e comezar a puntualos para os premios anuais Voz Natura. Con toda a información recollida destas dúas visitas e unha vez analizadas as memorias de cada proxecto, os expertos do programa elixirán a mediados de maio aos gañadores desta décimo cuarta edición.

Por iso, o Comité Científico quere recordar aos colexios que participan no programa a importancia de entregar unha boa memoria final que mostre, de xeito preciso, o traballo que se foi realizando ao longo do curso sobre o terreo.

Ademais, para dar a coñecer o día a día dos seus proxectos e o alcance dos seus esforzos por coidar a contorna natural galego, os centros contan co apoio das novas tecnoloxías. A través dos blogs e o Facebook de Voz Natura os colexios atopan unha nova vía de comunicación para difundir os seus avances e un modo de invitar á reflexión sobre a importancia de coidar o medio ambiente.