CAST | GAL

Décimo cuarta edición (2010-2011)

Voz Natura súmase á campaña «A Hora do Planeta»

 
O ano pasado, cidadáns de 125 países de todos os continentes —4.000 cidades— apagaron as súas luces durante unha hora para simbolizar o poder dunha actuación global na loita contra o cambio climático. A torre Eiffel, as pirámides de Exipto e, en casa, a praza do Obradoiro entre outros moitos monumentos destacados quedaron ás escuras sumándose así á Hora do Planeta. Este ano, Voz Natura quixo unirse tamén e, por iso, invita aos 45.000 alumnos participantes e os 2.688 profesores para que trasladen a inciativa aos seus centros, aos seus fogares e a toda a súa contorna.

A cita será o próximo 26 de marzo, entre as 20.30 e as 21.30 horas. Nesta edición, os organizadores —o Fondo Mundial para a Natureza, WWF— queren ir máis aló e lograr que esta cita sexa só o comezo dun compromiso global de individuos, empresas e gobernos para realizar accións a favor do planeta durante todo o ano.

Día a día 
Máis importante se cabe que este xesto simbólico é o labor que desenvolven os participantes no programa de educación ambiental Voz Natura ao longo de todo o ano, pois o fomento do aforro enerxético e a loita contra o cambio climático son constantes da práctica totalidade dos proxectos en marcha e dos realizados en anteriores edicións desde 1997.

Este curso, por exemplo, son destacables os traballos do colexio La Salle, de Ferrol, que continúa desenvolvendo o seu proxecto trianual sobre enerxías renovables, e do instituto coruñés Rafael Dieste e a súa campaña Vivir a enerxía.

No colexio Rosalía de Castro, de Carril, o aforro enerxético é unha realidade e os alumnos aprenderon a colocar lámpadas de baixo consumo tanto no centro como nas súas casas. En Ribadumia, os 69 pequenos que asisten ao Colexio Rural Agrupado teñen interiorizada xa a necesidade de aforrar auga e luz a través dun completo proxecto ambiental.