CAST | GAL

Décimo cuarta edición (2010-2011)

A festa Voz Natura achegará aos máis pequenos ao xornalismo

 
Prensa, radio, televisión e humor gráfico estarán moi presentes na festa Voz Natura do próximo sábado, no parque de Acea de Ama (Culleredo - A Coruña). A xornada será a clausura do curso dos programas educativos Voz Natura e Prensa-Escuela, desenvolvidos pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, da Corporación Voz de Galicia, e conxugará, xa que logo, o respecto ao medio ambiente co mundo da comunicación. 

A través de diversos obradoiros impartidos por especialistas en cada campo, os asistentes á festa poderán converterse en redactores de xornais, locutores de radio, presentadores de televisión, humoristas gráficos ou ilustradores. Os catro talleres funcionarán entre as 11.00 e as 13.15 e entre as 15.30 e as 19.30 horas. 

Vocacións ocultas 
Ademais de pasar un intre divertido, os talleres serán unha boa ocasión para descubrir vocacións ocultas. E é que os máis pequenos sentarán fronte ao computador e crearán a súa propia portada de La Voz de Galicia, cos seus textos e as súas fotos (poderanas facer alí mesmo) e poderán levarla a casa de recordo; compartirán micrófonos cos locutores de Radio Voz e poderán facer a súa propia crónica da festa, e, tamén, porse diante das cámaras de V Televisión para ser presentadores no set da cadea ou reporteiros de rúa contando as reviravoltas da festa. 

Catro dos humoristas gráficos de La Voz —Pinto&Chinto, Xaquín Marín, Xosé Tomás e María José Mosquera «Sex»— regresará á festa para compartir a súa experiencia cos nenos nun interesante taller de humor gráfico no que a imaxinación será a protagonista. 

Premios Prensa-Escuela 
Ás 12.00 horas, na zona onde se sitúan os talleres de comunicación no parque de Acea de Ama celebrarase a entrega dos premios dos concursos deste ano do programa Prensa-Escuela de La Voz de Galicia, desenvolvido pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre en colaboración coa Obra Social de Novacaixagalicia. 

Subirán ao escenario a recoller os seus premios o primeiro, segundo e terceiro clasificado dos certames Mellor Xornalista Infantil e Xuvenil e Experiencias Didácticas co Xornal no Aula. Tamén se entregará o galardón ao mellor blog de curso, recoñecido por un xurado de especialistas entre os preto de 500 que forman a comunidade bloguera de Prensa-Escuela. 

Este curso traballaron en Prensa-Escuela 39.000 alumnos e mil profesores de case 500 centros educativos.