CAST | GAL

Décimo quinta edición (2011-2012)

Os proxectos Voz Natura chegan a espazos protexidos de Galicia

 
Voz Natura abre un curso dedicado á protección dos bosques e ás reforestacións o que levou á gran maioría dos 288 centros participantes a incluír nos seus proxectos accións deste tipo e, nalgúns casos, levalas ata os espazos máis emblemáticos da xeografía galega -parques naturais incluídos-, contando sempre coas autorizacións pertinentes para desenvolver as intervencións.

Así, tres dos parques naturais galegos -Corrubedo, Monte Aloia e Fragas do Eume- serán obxectivo prioritario de proxectos Voz Natura e lugar de visita obrigada de moitos centros. Tamén o espazo protexido do Carreirón, na Illa de Arousa ou a Serra da Capelada. Neste último traballarán dous centros de Cedeira: os alumnos de educación especial do CPR Régoa e os do CEIP Nicolás do Río, a través da ANPA Picapeixe, que realizarán plantacións da zona.

A lista de espazos emblemáticos con selo Voz Natura continúa na fraga de Cecebre (CEIP O Graxal II, de Cambre), a carballeira de Anllares (CPI A Picota, de Mazaricos) e outros ecosistemas dos concellos onde están os centros, moitos recoñecidos como Lugares de Importancia Comunitaria (LIC).

Algúns traballos destacados

Sendeirismo, plantacións e limpezas no Monte Aloia 
Os escolares do CEIP nº 1 de Tui visitarán este curso o parque natural Monte Aloia. Alí observarán e analizarán a vexetación e tamén realizarán rutas para revisar o estado deste espazo protexido e realizar limpezas se fose necesario. Na primavera trasladarán as plantas do seu viveiro ao parque.

Repoboación con especies autóctonas en Corrubedo 
Ata oitenta alumnos e os seus profesores do CEP de Carreira, en Ribeira, trasladaranse ao parque natural do complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixián. A parte máis importante do seu proxecto Voz Natura realizarana neste espazo protexido limpando, acondicionando e plantando especies autóctonas.

Limpeza dun areal no espazo do Carreirón 
Continuando o seu labor do curso pasado, os alumnos do IES Illa de Arousa inclúen na súa actuación deste ano a limpeza dunha praia no espazo protexido do Carreirón, declarado Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN). Os materiais que recollan aproveitaranos para un obradoiro de arte e natureza.

Unha guía de campo escolar das Fragas do Eume 
A asociación de nais e pais O Castiñeiro, do CEIP Eladia Mariño, de Cabanas, levará aos nenos ao parque natural de Fragas do Eume co obxectivo de realizar unha guía de campo deste espazo. A guía recollerá as especies máis relevantes de flora e fauna, paisaxe e riqueza etnográfica, visto desde a óptica dos máis pequenos.