CAST | GAL

Décimo quinta edición (2011-2012)

Máis de 200 blogs afianzan a comunidade Voz Natura

 
Preto de noventa profesores de toda Galicia participaron este ano nos cursos sobre creación de blogs ambientais impartidos por Voz Natura. Logo de tres anos formando aos docentes e cos alumnos máis involucrados que nunca, a comunidade virtual do programa suma xa 206 cadernos dixitais que se converteron na mellor ferramenta para dar a coñecer a todo o mundo o labor ambiental que desenvolven en Voz Natura.

Os blogs teñen distintos niveis de actualización. Os máis activos poden consultarse a través do apartado Blogs en marcha, que se actualiza periodicamente coas novas incorporacións.

Entre eles, destaca, por exemplo, o do colexio de San Paio de Abaixo (Reboreda-Redondela) que este curso estrea participación en Voz Natura e, ao tempo, pon en marcha un blog que se converte nun dos máis activos de toda a comunidade.

No outro extremo, o dos veteranos, segue despuntando o CPR Cervantes de Lugo con abundante material de apoio relacionado co seu traballo ambiental deste ano sobre os bosques e un completo seguimento de todas as actividades que realizan.

Capítulo aparte merecen os blogs de centros infantís que se converten nunha referencia para que as familias poidan seguir o traballo dos pequenos. Nestes cadernos as imaxes son as protagonistas e, nalgún deles como o da EEI Barrionovo de Arteixo, con coidadas presentacións visuais.

Xunto co portal web do programa, a páxina en Facebook de Voz Natura converteuse no punto de encontro dos blogs e de toda a comunidade ambiental. Ademais, os centros dispoñen dun Blog Mestre con ideas e asesoramento.