CAST | GAL

Décimo quinta edición (2011-2012)

As asociacións impulsan diversos proxectos

 
Dos 288 proxectos que se están realizando este curso ao amparo de Voz Natura, un total de 23 xurdiron pola inciativa dun movemento asociativo, ben sexa ambiental, cultural ou de pais e nais. Neste caso, os traballos caracterízanse por unha gran implicación da comunidade e a participación de distintas xeracións.

Un caso significativo é das ANPAS (Asociación de Nais e Pais) dos colexios. En Cedeira , a ANPA Picapeixe do CEIP Nicolás do Río foi pioneira en auspiciar un proxecto de recuperación e defensa do medio ambiente. Da súa man, e a través dun irmandamento de punta a punta de Galicia, chegou a Voz Natura o ANPA O Recreo do CEIP Manuel Bermúdez Couso, da Pobra de Trives. Este curso, os pais e nais puxéronse á fronte dun amplo proxecto que inclúe reforestacións, rutas de sendeirismo, apadriñamentos de árbores polos nenos e numerosas actividades no aula, posto que contan co apoio e colaboración de todo o claustro de profesores.

Os traballos destas asociacións realízanse en moitos casos durante o fin de semana e chamando á participación de todos os veciños. É o caso, por exemplo, da asociación A Fontaíña, de Vigo, que logo de varios anos ocupándose de rexenerar o seu litoral, este curso traballan nas zonas forestais de Vigo fomentando o voluntariado ambiental.

No capítulo de participación, é destacable o caso da asociación cultural O Castro, de Vilanova de Arousa, con 2.000 socios. A través de proxectos Voz Natura recuperaron as fontes e lavadoiros tradicionais da súa zona e agora rexeneran ambientalmente a contorna do seu local social.