A próxima edición estará dedicada aos hortos ecolóxicos
Voz Natura faise maior de idade. O próximo curso será xa a 18ª edición do programa e para un ano tan especial a organización seleccionou como tema destacado os hortos ecolóxicos escolares.
Como en todas as ocasións, valoraranse especialmente aquelas actuacións que impliquen acción directa no medio, pero o eixo central do curso serán os cultivos escolares cun dobre obxectivo: pór en valor o traballo de moitos colexios e institutos que levan anos apostando pola agricultura ecolóxica nos seus centros e animar aos que aínda non teñen horto a crear o seu propio para que os alumnos poidan observar o ciclo dos cultivos e aprender a valoralos.
Con esta temática, Voz Natura tratará de fomentar a concienciación ambiental dos máis pequenos e dos mozos á vez que promoverá hábitos de alimentación saudables. O fin último do curso é que todos os cultivos se realicen de forma ecolóxica e acaben nos pratos dos pequenos agricultores nos comedores escolares ou nos seus propios domicilios.
Prazo de inscrición
Á volta da vacacións de Nadal os centros que queiran formar parte da comunidade Voz Natura durante o curso 2013-2014 deben empezar xa a preparar os seus proxectos de actuación. O prazo de inscrición abrirase o luns 3 de febreiro do 2014 e poderanse presentar propostas ata o próximo 15 de marzo.
As solicitudes realizaranse nesta páxina, a través do formulario que estará operativo na sección Próxima edición onde, ademais dos datos do equipo aspirante, deberán explicar o contido da actuación ambiental que propón realizar e para a que solicitan a colaboración, tanto económica como de asesoramento. A lista final de admitidos publicarase a principios de xuño do 2014 e os traballos comezarán a executarse en setembro, co inicio de curso.