CAST
|
GAL

Decimotercera edición (2009-2010)

Trinta centros estréanse este curso en Voz Natura

 
Os ecosistemas máis próximos ao colexio son o obxecto de atención prioritaria dos centros que este curso participan por primeira vez en Voz Natura. Dos 261 centros inscritos este curso, a gran maioría son veteranos e unha trintena son novos. Estes últimos desembarcan con proxectos que inclúen a creación de hortos escolares, a recuperación do verde nos patios, a construción de biocenósis que permitan o estudo da flora e a fauna que os rodean e, tamén, ambiciosas inciativas na súa contorna.

Entre os nomes propios que se estrean en Voz Natura, o comité científico do programa destaca, entre outros, o traballo do IES Campo de San Alberto. Neste centro de Noia o equipo Voz Natura fórmano os alumnos de educación especial. Realizan o seu traballo na alameda da localidade onde estudan, catalogan e vixían de cerca as árbores co obxectivo de recoñecelos e aprecialos.

Outro caso é o do colexio Pablo VI Fátima, da Rúa (Ourense). Alí traballan 265 alumnos de infantil, primaria e secundaria nun proxecto que inclúe multitude de actuacións en función das idades dos estudantes. Así, na súa axenda está a restauración das fontes públicas do seu barrio, a limpeza dunha zona recreativa, a recuperación e plantación en áreas degradadas e, ademais, o coidado do xardín do centro.

En Pontevedra, un dos centros que se suma este curso ao programa da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre é o instituto A Xunqueira cun ambicioso traballo centrado no tema central do curso e que desenvolven na zona das Brañas do Acibal. Ao longo do curso, estudarán a biodiversidade deste espazo natural localizado a 15 quilómetros da cidade de Pontevedra.