Séguelle a pista á actualidade ambiental
Voz Natura proponche unha actividade para realizar cos teus alumnos, cos teus compañeiros de colexio ou cos teus fillos, na casa. Os participantes converteranse en improvisados investigadores ambientais que non deberán perder de vista os medios de comunicación para recompilar todas as informacións que afectan ao contorno.
O obxectivo é fomentar a lectura crítica e estimular a curiosidade dos nenos e mozos, á vez que se reforza o seu compromiso ambiental. Trátase de coñecer as novidades relativas á natureza, como un vehículo para implicarse na súa protección.
Realizar esta actividade é moi sinxelo. Só tes que revisar os xornais ou as revistas que teñas ao teu alcance e fixarche nos temas ambientais.
Participes ou non en Voz Natura, podes empregar estes carteis para organizar a información recompilada: Actualidade Voz Natura - Calendario do proxecto - Somos Noticia
Ofrecémosche unha orientación sobre como agrupar os temas:
1.- Actualidade Voz Natura. Para colocar as informacións que se publican en La Voz de Galicia sobre o desenvolvemento do programa e os proxectos dos centros educativos participantes ou calquera noticia ambiental que se publique nos medios.
2.- Calendario do proxecto. Seravos de utilidade para plasmar a programación interna do desenvolvemento e execución de voso proxecto Voz Natura. Se non participas no programa, podes empregalo para recoller as actuacións que ti e a túa familia realicedes ao longo do ano (reciclaches?, plantaches algunha árbore?, saíches a observar a natureza, facer sendeirismo...?)
3.- Somos noticia. Para as reportaxes que se publiquen sobre vós en La Voz de Galicia ou outros medios, achega do proxecto Voz Natura que estais desenvolvendo e tamén reportaxes doutros centros.
¡A partir de agora, non tes escusa para non fixarte nas noticias ambientais!