CAST
|
GAL

Decimocuarta edición (2010-2011)

Mañán abre o prazo de inscrición para o próximo curso dedicado ás reforestacións

 
En setembro, miles de nenos e mozos de toda Galicia comezarán a desenvolver novos traballos ecolóxicos con Voz Natura. Para que os seus proxectos se convertan en realidade, os colexios, institutos, asociacións e escolas obradoiro poden presentar as súas propostas desde mañá e ata o 31 de marzo.

Ao longo dos dous próximos meses, o comité científico do programa avaliará cada unha delas para decidir se se converten en proxectos Voz Natura. Será a principios de xuño cando se faga pública a lista de admitidos para a décimo quinta edición.

Desde mañá, no apartado Próxima Edición desta web estara dispoñible un formulario de inscrición en liña e poderanse consultar as bases. Nos próximos días, os centros educativos recibirán esta documentación.

Tema central 
Como todos os anos, os proxectos mellor valorados serán os que impliquen actuacións directas nos ecosistemas. Ademais, para o próximo curso, terán especial incidencia os que propoñan accións nos montes e bosques.

Voz Natura quere converter o curso 2011-2012 no da reforestación, conservación e defensa dos espazos arbóreos como parte esencial do desenvolvemento sostible do planeta, é dicir, apostar pola árbore como sumidoiro de CO2 e emisor de osíxeno á atmosfera. Así, primarán as actividades relativas ao desenvolvemento e protección dos bosques e recursos forestais, as repoboacións con especies autóctonas, as limpezas e os hábitos saudables en favor destes ecosistemas.

Accións internacionais 
Como carta de presentación para o próximo curso, os centros Voz Natura acumulan xa catro anos de participación na campaña Plantemos para o Planeta, auspiciada polo Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente. Nesta iniciativa de reforestación a nivel mundial, os participantes en Voz Natura achegaron 115.000 árbores plantadas, unha cifra que se incrementará notablemente cos traballos da próxima edición.

Tamén seguindo as recomendacións de Nacións Unidas, Voz Natura súmase coa elección do tema central do curso 2011-2012 á declaración deste ano como Ano Internacional dos Bosques e ao obxectivo desta conmemoración: aumentar os esforzos de recuperación e conservación das masas arbóreas mundiais e recordar que son parte esencial do desenvolvemento sostible do planeta, grazas aos beneficios económicos, socioculturais e ambientais que proporcionan.