Voz Natura faise eco do Ano da Enerxía Sostible
Fomentar o uso das fontes renovables e promover o aforro enerxético serán os obxectivos destacados da próxima edición de Voz Natura, que se desenvolverá no curso 2012-2013 e para a cal se abrirá o prazo de inscrición o próximo mes. Mentres, algúns centros traballan xa sobre o tema.
A Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre seleccionou este tema para a que será a décimo sexta edición do programa de acordo coa declaración de Nacións Unidas do 2012 como Ano Internacional das Enerxías Sostibles para Todos.
Seguindo as recomendacións da ONU, Voz Natura proporá aos participantes que, xunto con outras accións directas no medio, inclúan nos seus proxectos actividades para concienciar e fomentar o aforro enerxético e actuacións a través das que explorar as vantaxes das fontes de enerxía sostibles.
Traballando xa no tema
Adiantándose á proposta para o próximo curso, algúns dos centros participantes actualmente no programa xa están a executar traballos centrados nas enerxías renovables. Os dous casos máis destacados son o IES Rafael Dieste, da Coruña, e a Escola Infantil de Tremoedo, en Vilanova de Arousa.
O instituto coruñés leva varios cursos traballando para «dar a coñecer de xeito práctico as distintas formas de aproveitar as enerxías renovables», segundo o coordinador do proxecto, Santiago Bravo. Este curso están promovendo o aforro enerxético e o seu obxectivo final é dotar a un aula da autonomía suficiente para poder desconectala da rede eléctrica e que siga funcionando grazas ás fontes alternativas.
Pola súa banda, os pequenos de Tremoedo exploran este curso o aproveitamento do sol como fonte enerxética instalando placas solares e acumuladores, tras realizar xa proxectos sobre a eólica e a hidráulica.