CAST
|
GAL

Decimoquinta edición (2011-2012)

O colexio Jaime Balmes, de Noia, gaña o premio Galicia de Voz Natura

 
Ata 300 escolares de infantil, primaria e secundaria, sete profesores e multitude de colaboradores, incluídas as familias dos alumnos. Con este cadro de persoal á fronte dun completísimo traballo ambiental, a comunidade educativa do colexio Jaime Balmes de Noia fíxose merecedora do premio Galicia 2011-2012 do programa Voz Natura.


O comité científico emitiu o seu ditame logo de visitar en dúas ocasións ao longo de curso cada un dos centros para supervisar os seus traballos e tras revisar as 288 memorias presentadas ao finalizar os proxectos. A súa decisión xustifícase na «diversidade de actuacións ambientais e a súa carga concienciadora; a súa capacidade de utilizar as novas tecnoloxías a favor o medio ambiente e a extraordinaria participación no traballo».

A comunidade educativa do Jaime Balmes desenvolveu un inmenso programa de actividades no recinto escolar e fóra del. Dous das máis relevantes foron a limpeza de praias na súa localidade —no espazo Rede Natura 2000 que abarca desde Taramancos ata Boa Grande— e a reforestación que acometeron en Lesende (Lousame). Tamén realizaron excursións, rutas ambientais e diversas actividades de concienciación —como unha charla con axentes do Seprona—. Os máis pequenos do centro puxeron o seu granito de area inspeccionando a súa contorna e coidando os sementeiros e o horto.

Como recompensa, profesores e alumnos gozarán dunha viaxe de cinco días a Cantabria, con visita aos Picos de Europa, sendeirismo, actividades de aventura e ambientais.

PREMIOS PROVINCIAIS 
A CORUÑA. CPI MONTE CAXADO (AS PONTES) 
«Aula de medio ambiente». Este centro participa desde a primeira edición de Voz Natura, en 1997. Este curso asinan un gran proxecto multidisciplinar que inclúe traballos no seu horto e no seu invernadoiro, talleres de reciclaxe, saídas para mellorar a súa contorna e concursos ambientais. Ademais, transformaron un monte próximo reforestándoo con diversas especies forestais e froiteiras, mellorando cada ano a súa Área da Natureza do Bañal.

LUGO. CEIP ANTONIO PEDROSA LATAS (CELEIRO) 
«Xogando a reforestar». En Celeiro (Viveiro) este colexio creou a súa propia aula de natureza con talleres de tratamento de residuos e reciclaxe. Reconstruíron unha biocenosis en forma de charca e realizaron plantacións e reforestacións dentro e fóra das súas intalacións. O comité científico recoñece co premio «a atmosfera de protección ambiental tan positiva que se respira no centro e a participación e compromiso de toda a comunidade escolar».

OURENSE. ANPA O RECREO DO CEIP MANUEL BERMÚDEZ COUSO (A POBRA DE TRIVES)
«Apadriña unha árbore». Por primeira vez en Voz Natura, unha asociación de pais e nais gaña un premio. A ANPA O Recreo, do CEIP Manuel Bermúdez Couso, da Pobra de Trives, co apoio dos profesores do colexio, centrou os seus esforzos na reforestación e prevención de incendios forestais, a limpeza de ríos e a reciclaxe. O comité destaca «a sensibilidade das familias, involucradas cos seus fillos nunha aventura de compromiso ambiental».

PONTEVEDRA. IES SAN TOME DE FREIXEIRO (VIGO) 
«Obradoiro ambiental». No seu segundo ano participando en Voz Natura, os alumnos, profesores, pais e persoal non docente do IES San Tome de Freixeiro, de Vigo, realizaron un gran número de actividades: traballaron no propio centro e na cidade; en bosques, ríos e outros ecosistemas, con valiosas colaboracións como a realizada co Proxecto Ríos, e trataron de concienciar a toda a comunidade cos seus xestos cotiáns a favor da contorna natural.

Os gañadores provinciais pasarán dous días na Estación de Manzaneda.

MELLOR PROXECTO INFANTIL. CRA NOSA SEÑORA DO FARO (PONTECESO E MALPICA) 
Nove aulas repartidas en dous concellos conforman o Colexio Rural Agrupado Nosa Señora do Faro que nesta 15ª edición gañou o premio ao Mellor Proxecto Infantil. As escolas premiadas están en Ponteceso (Pazos, Ponteceso, Brántuas, Talo, Xornes, Campase e Tella) e Malpica (Mens e Barizo). Xunto con estas nove unidades traballou tamén a Asociación de Nais e Pais Andares no proxecto titulado «Coidando vos nosos ecosistemas». Máis de 80 alumnos, 17 profesoras e as familias dos nenos involucráronse nun traballo apoiado pola experiencia de catorce anos participando en Voz Natura. Así, realizaron actividades de reciclaxe e reutilización, outras relacionadas coas enerxías renovables e tamén reforestacións. O comité valorou na súa decisión «o uso das novas tecnoloxías para concienciar sobre os problemas ambientais (http://blogs.voznatura.es/cradeponteceso) e propor diversas solucións e a entusiasta colaboración das familias na realización do proxecto». Como recompensa levarán un lote de agasallos, cortesía do Corte Inglés.