CAST
|
GAL

Decimosexta edición (2012-2013)

Visitas especiais ao Muncyt para os centros Voz Natura

 
O Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía da Coruña (Muncyt) e Voz Natura unen esforzos para achegar aos máis pequenos ao mundo da ciencia e, este curso especialmente, ás enerxías renovables, tema destacado desta edición do programa de educación ambiental da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre. Para logralo, ambas entidades acaban de subscribir un acordo de colaboración grazas ao cal os 298 centros educativos e asociacións que participan en Voz Natura poderán visitar o Muncyt ata o próximo mes de xuño de forma gratuita e con atención especial.

As visitas están pensadas para grupos de cincuenta persoas (profesores e alumnos) de calquera nivel educativo, pois o contido das mesmas adaptarase á idade dos alumnos. Ao chegar ao Muncyt, o grupo dividirase en dous. O primeiro deles realizará a visita guiada ao museo e o segundo traballará en equipo no taller de casa bioclimática, onde poderán experimentar con distintos tipos de illamento, portas, fiestras, paredes ou cubertas para deducir cales son as condicións da vivenda que permiten un maior aforro de enerxía. Ao cabo dunha hora, os grupos intercambiaranse para completar as dúas partes da visita.

Solicitudes 
As solicitudes poden realizarse por mail (reservascor@muncyt.es) ou por teléfono chamando ao 900 100 134, indicando no momento da reserva que se trata dun centro participante no programa Voz Natura, o curso e número de alumnos e profesores que asistirán.

As visitas serán de martes a venres en tres horarios (10.00, 12.30 ou 15.00 horas) cunha duración aproximada de dúas horas. O Museo dispón dunha sala picnic por si os grupos queren quedarse a comer nas instalacións.

A sé coruñesa do Muncyt está dirixida por Ramón Núñez Centella, un dos integrantes do comité científico de Voz Natura desde a posta en marcha deste programa en 1997.