CAST
|
GAL

Decimosexta edición (2012-2013)

Os gañadores de Voz Natura volven con ambiciosos traballos

 
Continuar con actividades iniciadas o curso pasado e pór en marcha outras novas relacionadas co aforro enerxético e a promoción das fontes sostibles, tema destacado desta edición de Voz Natura. Esta é a intención dos centros galardoados o curso pasado co premio Galicia e os provinciais. E é que profesores, pais e alumnos non se conforman e queren seguir transformado a súa realidade ambiental.

Así o vai a facer a comunidade do colexio Jaime Balmes, de Noia, autor do mellor proxecto ambiental de Galicia o curso pasado. O coordinador de Voz Natura neste centro, Alfredo Suárez, indicou nunha entrevista no programa «Voces de Galicia», de Radio Voz, que «repetiremos actividades exitosas do curso pasado pero tamén nos centraremos nas renovables». Así, realizarán novas reforestacións, coidarán o seu horto e volverán limpar as praias —actuarán no Esteiro do Tambre, zona Rede Natura 2000— co apoio do Concello, a confraría e Cruz Vermella.

Ademais, as patrullas ecobalmes encargaranse de pór en marcha o plan de aforro enerxético no propio centro e todos os alumnos participarán en diversos talleres sobre enerxía eólica e solar.

O Monte Caxado, das Pontes, ampliará O Bañal 
Os gañadores provinciais da Coruña do curso pasado seguirán coidando a súa Área da Natureza do Bañal e ampliarán o parque cunha zona de froiteiras e bosque mixto para o que xa se puxeron ao choio coa preparación das plantas. Tamén reciclarán, coidarán o seu horto e traballarán sobre as enerxías alternativas.

«A enerxía dá vida», no Pedrosa Latas de Celeiro 
Os 151 alumnos de infantil e primaria do CEIP Antonio Pedrosa Latas, de Celeiro, aprenderán este curso as alternativas a cada unha das fontes enerxéticas que utilizan habitualmente. Ademais de traballar sobre as renovables, seguirán coas actividades ambientais fose e dentro do seu centro, que lle valeron o premio do curso pasado.

Pais, alumnos e profes seguen actuando en Trives 
Na Asociación de Nais e Pais O Recreo, do CEIP Manuel Bermúdez Couso, da Pobra de Trives non se conforman con ser o primeiro ANPA en gañar un premio Voz Natura e este curso, ademais de limpar ríos, reforestar e outras moitas actividades, desenvolverán o proxecto «O Rei Sol», relativo ás renovables.

Diversificando accións no IES San Tome, de Vigo 
Os últimos gañadores da provincia de Pontevedra ampliarán este curso o seu «Obradoiro ambiental» diversificando as súas accións e incluíndo unha auditoría interna para garantir o aforro enerxético no centro e diversos talleres sobre fontes sostibles. Seguirán traballando no río Lagares e na súa contorna.