CAST
|
GAL

Decimosexta edición (2012-2013)

Voz Natura fideliza a miles de nenos desde a súa creación en 1997

 
Desde a súa posta en marcha no curso 1997-1998 o programa ambiental Voz Natura -auspiciado pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre- acumula máis de 3.000 proxectos ecolóxicos desenvolvidos por alumnos e profesores de Galicia. A través destas actuacións, miles de escolares aprenderon a respectar e protexer a natureza e a educación ambiental está instaurada en moitos centros educativos como unha materia máis.

Lograr a continuidade destas actuacións ecolóxicas nos colexios e institutos é un dos principais obxectivos do programa e, tras 16 cursos en marcha, o comité científico de Voz Natura considera que si se logrou. Así, por exemplo, dos 300 centros que participan este curso, un total de 259 xa o fixeron o ano pasado.

Na traxectoria global de Voz Natura destacan cinco colexios que participaron ininterrompidamente desde 1997: CEIP de Tarrío (Culleredo), CRA Os Remuíños (Cabana de Bergantiños), CEIP Curros Enríquez (Celanova), CPR Vila do Arenteiro (O Carballiño) e o CEE Terras de Ferrol (antes CEE Carmen Polo). Ademais, outros trece centros participaron en case todas as edicións tan só con algún ano de descanso.

Pequenos ecoloxistas en Cabana de Bergantiños 
Desde 1997, os máis pequenos de Cabana de Bergantiños que foron pasando polo CRA Os Remuíños están firmemente comprometidos co medio ambiente. O centro achegouse a Voz Natura por primeira vez cun proxecto sobre reciclaxe. Con dezaseis proxectos ecolóxicos no seu haber, este ano traballan sobre as renovables.

Moitos éxitos no Curros Enríquez de Celanova 
Na segunda edición de Voz Natura e outra vez dez anos despois, na decimosegunda, o premio da provincia de Ourense foise a Celanova, ao CEIP Curros Enríquez. O comité recoñeceu con dous galardóns a súa exitosa traxectoria con actuacións destacadas na protección da súa contorna ou na loita contra o cambio climático.

Expertos en protexer a súa contorna en Tarrío, Culleredo 
Un interesante traballo de limpeza e recuperación das fontes da súa contorna valeulle ao CEP de Tarrío, en Culleredo, o premio provincial da Coruña no curso 2001-2002. Desde 1997 os alumnos que pasaron por este colexio concienciáronse da necesidade de coidar a natureza e puxeron en práctica a teoría.

O Vila do Arenteiro leva o compromiso ao Carballiño 
Estreáronse en Voz Natura en 1997 creando un xardín botánico que hoxe en día aínda coidan os alumnos que cada curso van pasando polo CPR Vila do Arenteiro, do Carballiño. En cada edición enriqueceron os seus traballos ambientais con actividades como reforestacións ata consolidar a presenza de Voz Natura no centro.