CAST
|
GAL

Decimosexta edición (2012-2013)

Voz Natura dedica a súa próxima edición a protexer ríos e praias

 
O 1 de febreiro ábrese o prazo de presentación de proxectos de actuación para o próximo curso 2013-2014. A que será xa a 17ª edición do programa da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre manterá a filosofía coa que naceu en 1997: invitar á comunidade escolar de Galicia a protexer os ecosistemas a través de actuacións directas no medio e doutras actividades de concienciación nos centros.

A organización de Voz Natura invita aos centros que aspiren a participar no programa a que presenten todo tipo de accións ambientais e inclúan entre elas actuacións encamiñadas a protexer a biodiversidade das costas, praias e sistemas fluviales de Galicia, tema destacado para ao próximo curso.

Logo de anteriores edicións dedicadas ás reforestacións, o cambio climático, a biodiversidade, a reciclaxe ou a loita contra o lume, entre outras, Voz Natura proponse para o próximo curso chamar a atención sobre a necesidade de actuar sobre os ríos e as praias, logrando que as accións escolares sirvan de exemplo e xeren un efecto contaxio no resto da sociedade.

Desde o nacemento do programa, os equipos participantes realizaron máis de 2.700 proxectos ambientais e, este curso, están en marcha outros 300, con máis de 51.000 alumnos implicados, nos que o tema destacado é o fomento do aforro energético e a promoción das fontes sostenibles.

Inscrición 
A partir do 1 de febreiro os equipos que desexen participar no próximo curso de Voz Natura poderán presentar as súas propostas de actuación. Desde ese día poderanse consultar aquí as bases e estará operativo o formulario en liña para realizar a inscripción.

O prazo de presentación de traballos pecharase o 15 de marzo e en xuño, unha vez revisadas todas as propostas polo comité científico, publicarase a lista de proxectos admitidos.