CAST
|
GAL

Decimosexta edición (2012-2013)

Os equipos Voz Natura, pioneros nos hortos urbanos

 
Nos últimos anos, cada vez máis cidades acollen os denominados hortos urbanos promovidos por concellos, asociacións ou particulares. As urbes galegas non están á marxe desta tendencia, pero o certo é que aquí, e desde fai xa dezaseis anos, funciona outra modalidade de hortos urbanos e ecolóxicos plenamente consolidados: os promovidos polos centros Voz Natura.

Este curso, miles de escolares cultivan os seus vexetais no recinto do colexio e, na maior parte dos casos, acaban nos seus propios pratos nos comedores escolares.

Un dos hortos máis consolidados en Voz Natura, e con nome propio, atópase no colexio Santa María do Mar, da Coruña. Alí, o Horto de Toribio é unha parte indispensable do centro. Profesores e alumnos encárganse de retirar as malas herbas, sementar, coidar e colleitar vexetais comestibles e tamén flores.

Outro exemplo de horto urbano Voz Natura é o do Colexio Compañía de María, a cargo do seu grupo ecolóxico Agadana. Desde fai cinco cursos cultivan todo tipo de hortalizas, baixo a supervisión da profesora Marta Comesaña.

Dobre función 
Do mesmo xeito que outras actividades Voz Natura, os hortos son utilizados nalgúns centros cunha dobre función: favorecer a concienciación medioambiental e axudar ao desenvolvemento de nenos e mozos con algunha dificultade. É o caso do CEIP Manuel Luís Acuña, da cidade de Ourense, onde este curso van un paso máis aló e o coidado do horto é utilizado tamén con fins terapéuticos con nenos que presentan algún tipo de dificultade, segundo explica o coordinador do traballos, José Manuel Fernández Cid.

En Vigo, os 86 alumnos do Centro de Educación Especial Saladino Cortizo están encantados co horto que puxeron en marcha o curso pasado. «Témolo dividido en bancais e cada clase encárgase do coidado dun. Este ano plantamos leitugas, patacas, fresas, cebolas... que, despois, aproveitamos no obradoiro de cociña», explica Sonia Amatriain, coordinadora de Voz Natura.