CAST | GAL

Vixésimo terceira edición (2019-2020)

Boas prácticas para unha boa educación ambiental

 
Aínda está recente a fresca sensación de empezar o curso. E nese clima é un momento perfecto para que os centros educativos e asociacións que participan no programa recuperen boas prácticas ambientais. Trátase de medidas moito máis discretas, que non teñen o impacto visual dunha reforestación ou unha limpeza de praia. Pero son igual de importantes xa que conforman rutinas que son a base na que fundamentar unha boa educación ambiental.

Un exemplo diso dáse no CEIP A Gándara de Monforte, moi interesados en implicar ás familiar. Durante este curso tentarán reducir o impacto do plástico na aula. Substituiranse as bolsas de plástico por outras de tea reutilizables, o papel de aluminio polas tarteiras e  tupers ou as botellas de plástico por botellas reutilizables. 

Pola súa banda no CEIP Ramón de Valenzuela en Bandeira pon en marcha as ecopatrullas. Estas teñen diferentes funcións, entre elas facer que os nenos se impliquen cunha actividade divertida e que lles dun sentimento de pertenza a un grupo con autonomía e responsabilidade. Pechar as billas dos baños, manter as portas e xanelas pechadas coa calefacción posta ou as luces apagadas ao irse son algunhas das súas tarefas. E sobre todo, manter limpos os espazos de convivencia.

No CEIP Xosé Manuel Folla Respino do Barco propóñense separar os residuos adecuadamente e coñecer en que lugar vai cada un para que logo poida reciclarse. No colexio teñen contedores verdes, azuis, amarelos, de pilas e tóneres e ata composteira para o seu horto teñen neste centro. 

Por último no CPR Divina Pastora de Ourense saben que coñecer a contorna axuda a querelo, e querelo axuda a protexelo. Os ecovigilantes da Divina Pastora levan anos camiñando Ourense a pé e en bicicleta e levando a cabo diferentes campañas de concienciación e sensibilización, así como de acción directa para respectar a natureza.