CAST
|
GAL

Vigésimo tercera edición (2019-2020)

Celebramos o Día Mundial do Medio Ambiente

 
E como exemplo das múltiples accións desenvolvidas polos participantes en Voz Natura, os nenos do colexio Liceo A Paz da Coruña realizaron varias actividades fiadas cun conto. "Pídelles aos teus fillos que xunten todos os anacos de ceras que atopen. Logo coloca os anaquiños en  moldes de silicona separados por cores e coloca o  molde nun forno prequentado a 200 graos. Enforna durante unha media hora ou 40 minutos. Retira, deixa arrefriar e teredes novas ceras!". 

O anterior é un parágrafo textual da carta que recibiron os pais dos alumnos de 5º de Infantil deste colexio da Coruña. Un centro moi activo en Voz Natura cuxas profesoras tomaron boa nota do Día Mundial do Medio Ambiente -todo o planeta conmemorouno o pasado venres como ocorre cada ano- e os alumnos estiveron traballando e preparándoo. Dunha maneira sinxela, si, pero moi didáctica. O fío condutor foi simplemente un conto. E a través de "Historia dunha lata" mostraron aos nenos as diferentes utilidades que se lle pode dar a algo hoxe en día tan aparentemente vulgar como unha lata «e a tantas cousas que temos en casa», engaden. 

Xurdiron moitas ideas como construír un labirinto para  canicas con caixas de zapatos ou embalaxe de electrodomésticos, facer papel reciclado, elaborar xabón caseiro, plantar sementes nun ovo ou vaso de iogur, construír nada menos que  futbolines aproveitando pinzas para tender a roupa, etc.

Nestes días tamén se están recibindo as memorias finais dos 375 proxectos ambientais desenvoltos durante este anómalo curso 2019/2020, que está a piques de terminar, mentres se prepara xa para acometer o próximo, centrado neste caso nos Camiños de Santiago. Volverán os alumnos e os profesores ás aulas, e Voz Natura  volverá estar con eles.