Visitas especiais ao Muncyt para os centros Voz Natura
Os 307 centros que participan este curso en Voz Natura converteranse, por segundo ano consecutivo, en visitantes privilexiados do Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía da Coruña (Muncyt). As visitas pódense solicitar desde agora e ata o próximo mes de xuño e incluirán talleres sobre a auga.
Grazas a un acordo alcanzado entre a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía e a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, os equipos Voz Natura poden solicitar desde hoxe mesmo estas visitas que incluirán talleres específicos sobre a auga adaptados a todos niveis. Están deseñadas para grupos de ata cincuenta persoas e terán unha duración de dúas horas. Nada máis chegar ao Museo, os escolares dividiranse en dous grupos. Un deles realizará a visita guiada ás instalacións e o outro participará no taller, para despois intercambiarse.
As actividades virarán en torno á auga, en relación coa temática central do curso Voz Natura dedicado especialmente á protección dos ecosistemas fluviais e mariños. Así, os máis pequenos participarán nun taller no que realizarán varios experimentos sobre o concepto de flotabilidad e os de secundaria e bacharelato analizarán o contido da auga nos alimentos.
Solicitudes
Para realizar as solicitudes os centros deben descargar un formulario dispoñible na web do Muncyt (accede desde aquí), encher os campos indicados marcando a casa «Programa Voz Natura» e envialo a reservascor@muncyt.es ou ao fax 916 038 968. O Muncyt dispón dunha zona para comidas de grupos que tamén se pode reservar.