Profesores aliados do medio ambiente
Os profesores son un alicerce fundamental do programa de educación ambiental de La Voz de Galicia, desenvolto pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre. Por iso, os docentes de centros inscritos no Programa Voz Natura poderán participar no curso de Desenvolvemento e Divulgación de Proxectos Ambientais, totalmente gratuíto e homologable pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia.
O obxectivo do curso, segundo os organizadores, é «aprender a deseñar, xestionar e divulgar un proxecto ambiental, elaborar unha memoria e dar a coñecer os proxectos e o seu potencial didáctico e transversal». A formación impartirase os días 3, 4, 10 e 11 de decembro nas instalacións da Rede de Aulas CeMIT en Coruña, situadas no Centro Cívico de Eirís (Rúa Terranova de Eirís, 7). O seminario terá unha duración total de dez horas e será impartido por Susana Vázquez Martínez, doutora en Ciencias dá Educación. As clases impartiranse en horario de 18.00 a 20.30 horas.
Os interesados en participar poden realizar as súas inscricións enviando un correo electrónico a voznatura@lavoz.es, no que deberán incluír o seu nome e apelidos, o seu DNI, o nome do centro educativo, unha dirección de correo electrónico e un teléfono de contacto. O prazo máximo de recepción de solicitudes o próximo 28 de novembro. #FaiGaliciaVerde.