CAST | GAL

Vixésima primeira edición (2017-2018)

A natureza tamén está a xogar o seu papel no patio do colexio

 
Non todo van ser canchas de cemento nos patios. Un bo modo de fomentar o coidado da natureza e o respecto polo medio ambiente é transformalos en espazos onde poder observar como aniñan algunhas aves ou como as árbores mudan coas estacións. Varios centros adscritos ao programa Voz Natura desenvolven proxectos dirixidos a que os seus alumnos poidan gozar de patios diferentes onde poder observar a natureza e, desde logo, coñecela. Non cabe dúbida de que un bo exemplo é a experiencia que desenvolve o CEIP de Monterroso, onde este ano, ademais dos dous hortos (un de froita e verdura e outro de plantas aromáticas) empezarán a plantación dun bosque autóctono.

A idea, como explica  Guillermina Mosquera, xurdiu tras a vaga de incendios que arrasou Galicia o ano pasado. Como un modo de solidarizarse cos lugares máis afectados levaron a proposta ao claustro e non houbo dúbida. Levantarían un pequeno bosque autóctono no patio do colexio, unha superficie duns 3.000 metros cadrados onde, como engade, «hai oco para todo». O venres, Día de Árbore, ten previsto realizar a plantación. Ademais dun  salgueiro doado pola Deputación, cada alumno  trasplantará ao exterior a súa pequena árbore, unha planta que cultivaron previamente a partir de noces ou landras. Hai de todo: nogueiras, carballos... Todo autóctono. É a única premisa.

Non só este centro leva a cabo ideas para impregnar de natureza os seus espazos exteriores. Un chan construído con rocas que ten por obxectivo a estimulación sensorial, pequenos  montículos rodeados de especies aromáticas e medicinais, unha pequena avenida de árbores e unha parede de macetas feitas con botellas recicladas e pintadas para darlle cor caracterizan tamén o patio do colexio de educación infantil e primaria Amor Ruibal, de Pontevedra. De árbores  nonagenarios, ou non tan antigos, tamén saben na escola bosque Amadahí, onde usan a natureza como eixo do seu proxecto educativo. En Ourense, o IES número 1 do Carballiño levantou un fermoso xardín botánico, mentres que no CEIP de Quins esperaron a que  amaine o temporal para poder empezar a traballar no horto exterior. #FaiGaliciaVerde.