CAST | GAL

Vixésima primeira edición (2017-2018)

Voz Natura céntrase na promoción do entroido

 
O entroido xa chegou aos colexios de toda Galicia, en especial aos de Ourense, onde esta celebración está moi arraigada. Por iso, numerosos centros decidiron dedicar esta semana á recuperación e preservación de certas tradicións do entroido e unilas á temática desta edición de Voz Natura, a conservación e protección do patrimonio etnográfico.

No CEIP de Seixalbo disfrázanse de elementos naturais para concienciar sobre a necesidade de protexelos. Ademais, conseguiron que as tradicións do propio pobo de  Seixalbo pasen polo centro, por exemplo os personaxes  Paquita e Nicanor: un par de bonecos que presiden as festas. Tamén celebraron o domingo  oleiro, tal e como lembra Ángela Barja. «Son ondas de barro e lánzanas ata que caian e rompan. Nós queremos que os nenos o vivan, non que sexa só unha charla», explica. 

Na cidade de Ourense, os alumnos do CPR Divina Pastora realizaron unha actividade mixta, que mesturaba o entroido e o ecoloxismo. «Fomos ao campus universitario disfrazados. Durante unha hora e media recollemos as cabichas que tira a xente. Trátase dun residuo que afea a paisaxe e contamina moitísimo», advirte Gonzalo Sánchez  Busóns, coordinador da acción. «Enchemos unha caixa de zapatos co que recollemos». Todo iso, nun ton festivo: «Eu ía disfrazado de señor do monte, outro de  Pokémon e outro de oso. Son nenos de entre 12 e 14 anos,  ecovigilantes». 

Tamén resulta interesante a proposta do CEIP Pai Crespo en Xunqueira de Ambía. Ademais do seu proxecto de recuperar o paso polo río Arnoia dentro do Camiño de Santiago, tamén ten iniciativas ligadas ao entroido. Disfrázanse de castrexos e os disfraces fanos as familias no propio colexio. Queren conseguir recuperar unha tradición que se perdeu como era a Festa Castrexa de celebración do entroido.«Nos anos noventa fíxose esa festa, pero logo deixouse de celebrar e estaba perdida non esquecemento», explica Javier Pérez, o coordinador. «A nosa intención e que  non se  perda. Por iso puxémonos en contacto coa xente que estaba involucrada nela para revitalizala».

Xa por último, débese facer mención ao CEIP Albino Núñez. Nese centro disfrázanse de oficios tradicionais como leiteiro, costurera ou carboeiro. Tamén conseguiron recuperar materiais antigos a través das familias e completan os seus disfraces con materiais de reciclaxe.