CAST | GAL

Vixésima primeira edición (2017-2018)

O mellor horto educativo ecolóxico de España está en Verducedo

 
A Escola de Educación Infantil de Verducedo, no concello de Moaña, ten un anexo. É o seu horto, un proxecto que a edición pasada de Voz Natura recibiu o premio ao mellor proxecto infantil e que agora recibiu o primeiro premio de Hortos Educativos Ecolóxicos de España. O galardón seralle entregado en Madrid o venres 17 pola Asociación Triodos de Hortos Ecolóxicos.

Os Bichos. Ese é o nome dunha iniciativa que, como explican desde o centro, usa o horto e o seu hotel de insectos para mostrar aos máis pequenos como funciona a vida. De que maneira? Convertendo ese terreo nun espazo vivo no que pode participar toda a familia, un lugar que non só usan para cultivar verduras ou tubérculos, «tamén para reflexionar ou promover a observación relacionando vos contidos curriculares con temas transversais como a educación ambiental ou a ecoloxía», explican. 

Durante este curso tamén construíron un novo galiñeiro e ampliaron a casa que alberga as lombrigas que producen o humus que, xunto co compost dos seus dous composteros, utilizan para estimular o crecemento das súas hortalizas. Ademais melloraron o modo de rega que alimenta as plantas aromáticas ou a parte do xardín. A intención é que o seu proxecto traspase a porta deste centro para que poida beneficiarse tamén o resto da comunidade educativa e aprender como funcionan as hortas ecolóxicas, ademais de concienciar sobre a importancia da reciclaxe; ensinar formas de espantar dos hortos animais como os topos ou os paxaros, pero que estes non acaben coa súa vida; recoñecer o valor de plantar árbores nunha comunidade como a galega con gran incidencia dos incendios forestais; como coidar os paxaros que habitan na contorna; aprender a limpar espazos comúns de praias ou parques mantendo intacto o ecosistema ou saber actuar cando vemos un animal abandonado no bosque, pero non só iso. Tamén ensinar como elaborar un insecticida natural partindo das plantas. A súa fórmula: maceración de allos ou xurro de ortigas. 

A filosofía: recuperar a harmonía do home coa natureza.