CAST | GAL

Vixésima primeira edición (2017-2018)

Voz Natura retoma as visitas á caixa de cristal da ciencia

 
A caixa de cristal da ciencia volve abrirse para recibir as visitas dos centros que participan este curso en Voz Natura. A Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, impulsora do programa de educación ambiental, subscribiu un novo acordo coa Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía, o que permitirá que por sexto ano os alumnos poidan aparcar os seus proxectos para participar nas visitas guiadas ao Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (Muncyt) da Coruña.

Alí poderán descubrir un dos espazos divulgativos máis atractivos do territorio nacional, cuxo interior alberga desde a lanterna que durante anos alumou a torre de Hércules ata a cabina do Boeing 747 no que regresou a España o famoso Guernica de Pablo Picasso. Na cámara do tesouro achegaranse ás pezas máis antigas e valiosas do Muncyt, no que tamén é posible ver como evolucionaron todos os obxectos cotiáns, desde un teléfono a unha televisión.

Con esta iniciativa, Voz Natura busca expandir o coñecemento científico e fomentar o espírito investigador entre as novas xeracións, á vez que brinda un perfecto complemento ao traballo que realizan os alumnos nos centros involucrados no programa ambiental, xa que, ademais de percorrer as instalacións museísticas, estes participarán nun interesante taller no que traballarán en propostas relacionadas co patrimonio etnográfico galego, o tema central en torno ao cal vira esta vixésima primeira edición.

A actividade está dirixida a alumnos de educación infantil, primaria, ESO e bacharelato. O contido das visitas será adaptado en función do nivel de cada grupo en distintos itinerarios, guiados polo equipo de divulgadores do museo. Os grupos dividiranse en dous, cun máximo de 25 participantes por actividade, de 45 minutos de duración cada unha delas. Mentres uns realizan o percorrido polas distintas salas do Muncyt, a outra metade dedícase ao taller sobre etnografía. E, ao acabar, intercambian os papeis.

Apúntate!