CAST
|
GAL

Vigésimo primera edición (2017-2018)

Colexios participantes en Voz Natura recuperan o Samaín

 
Que é o Samaín? Que o diferencia do Halloween? Esas son algunhas das preguntas que durante as últimas semanas trataron de responder os colexios participantes no programa Voz Natura a través de distintas actividades, co obxectivo de profundar na historia de Galicia e avanzar no ensino dos costumes propios desta terra. 

O CEIP Nicolás do Río de Cedeira, co ANPA Picapeixe e a colaboración da Asociación de Amigos do Samaín que fai xa trinta anos comezou a espertar do letargo o costume que chegou a Estados Unidos da man de inmigrantes de Irlanda e que acabou evolucionando ata o Halloween, é un dos que traballaron na recuperación do costume. «Máis aló de disfrazarse, algo importado de América, o que aquí pasaba é que decoraban cabazas, os colares de castañas, as pantasmas que lembran a Santa Compaña ou os pasacalles», apuntan desde o ANPA.

No Albino Núñez, de Ourense, tamén realizaron múltiples actividades. Desde facer manualidades aproveitando rolos papel ou caixas de ovos a lecturas de lendas. Non só realizaron o traballo en clase porque convocaron un ano máis un obradoiro de cabazas. «Na hora do recreo, vos nenos voluntariamente acudían a biblioteca a decorar a súa cabaza. Logo expuxemos todas na entrada do cole», apuntan desde o centro. No CEIP Plurilingüe de Palmeira, en Ribeira, o Samaín tamén protagonizou varios talleres, como apunta a directora do centro, Noelia Rebollido. Houbo desde unha mostra de cabazas na que estiveron presentes tamén as familias a lecturas de contos de terror co profesor auxiliar de conversación. Algo parecido realizaron en centros como o CEIP Pedro Latexes de Celeiro (Viveiro), o Gregorio Sanz de Ribadeo ou o Concepción Crespo, de Pontevedra.

Os que o celebrarán un pouco máis tarde son os do CPR Mariano de Vigo. Explican desde este centro que «Samaín é unha homenaxe aos produtos de outono da nosa horta escolar, A Horta de Ana. Nos días previos ao 31 de outubro, colleitamos as cabazas, estudamos a súa historia, as súas características e cociñámolas en forma de cabelo de anxo no caso da cidra e en forma de chulas no caso da cucúrbita máxima. O día do noso Samaín, temos unha gran festa con todas as familias. A ANPA fai un magosto e os nosos alumnos participan nun concurso de cociña de doces e salgados feitos con cabaza e castaña».