O Seprona e Voz Natura únense para coidar o medio ambiente
Coidar o medio ambiente é cousa de todos, e é importante que os nenos saiban desde moi pequenos a importancia que ten respectar a natureza. Por este motivo, Voz Natura leva seis anos colaborando co Seprona a través de charlas informativas nas que os axentes deste servizo da Garda Civil trasládanse aos distintos centros educativos de Galicia para falar do seu traballo.
Javier Medela, tenente xefe do Seprona, será un dos encargados de viaxar polos distintos colexios para, «en primeiro lugar, explicar que é a Garda Civil de forma xenérica, e logo para especificar que facemos neste Servizo de Protección da Natureza». Considera que «concienciación» é a palabra clave para definir o seu traballo cos nenos, xa que estes deben coñecer todo o que implican os incendios, verteduras e demais atentados ecolóxicos. «Cada charla vai enfocada á idade dos alumnos, explicándolles distintos casos prácticos e como deben actuar si fan unha grellada, si ven un incendio ou por que non deben tirar ningún desperdicio pola fiestra cando van en coche», enumerou.
Normalmente, as charlas adoitan ter unha duración dunha hora, pero tamén dependerá de si os nenos son de infantil ou primaria. Ademais, pola experiencia de edicións anteriores, «o que máis gusta aos alumnos é tocar a sirena ou montar nas motos e nos todoterreos», recoñeceu o tenente xefe Javier Medela.
Os centros Voz Natura que queiran recibir a visita dos axentes do Seprona poden solicitalo xa. Para iso, deben descargar ESTE FORMULARIO que deben completar e enviar á dirección de correo electrónico que figura no mesmo, segundo a provincia á que pertenzan. Unha vez recibidas as solicitudes, a Garda Civil porase en contacto cos colexios ou institutos para confirmar as visitas e pechar as datas.
Os centros poden solicitar máis dunha charla e para todos os niveis educativos, incluso para os máis pequenos de educación infantil.