Vinte anos de loita contra os incendios
Intentar que os adultos do futuro teñan conciencia da importancia de loitar contra os incendios é algo que leva facendo Voz Natura vinte anos. Non é baladí en Galicia, que sofre os lumes forestais como unha enfermidade. De aí a relevancia do acto conmemorativo organizado polo programa ao redor da loita contra os incendios.
E é que Voz Natura cumpre vinte anos e xa empezou a celebralo. A primeira das cinco actividades temáticas coas que se porá en valor a súa traxectoria virou ao redor dunha reforestación nos montes de Toén, en Ourense. Ata alí se desprazaron alumnos do colexio Maristas, que é un centro veterano de Voz Natura e que baseou o seu traballo en plantacións que realiza en colaboración con Medio Rural, a comunidade de montes de Moreiras e Trelle e a cooperativa Os Érvedos.
Non estiveron sos na súa tarefa, xa que, con motivo do vixésimo aniversario, participou o director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández-Couto; así como a xefa territorial de Medio Ambiente en Ourense, Victoria Núñez. Non faltaron os alcaldes de Ourense e Toén, Jesús Vázquez e Amancio Cid. Tampouco a delegada de La Voz en Ourense, Ruth Novoa; a coordinadora de Voz Natura, Nazareth Díaz, e os integrantes do comité científico, encantados de estar sobre o terreo no que se fai realidade o programa: José Antonio Díaz Núñez, Ramón Núñez Centella, Fernando Garrido, Antonio Prunell e Alejandro Díaz.
Os nenos realizaron diferentes actividades: do estaquillado de plantas á sementeira de arces e carballos, ademais da reforestación de diferentes especies de árbores, como bidueiros, avellanos, serbales ou acivros. Da man do axente forestal Xosé Santos e do profesor Prudencio Doado completaron a xornada cunha charla sobre biodiversidade e orientación no campo.