CAST
|
GAL

Vigésima edición (2016-2017)

Actividades conmemorativas do 20 Aniversario de Voz Natura

 
Voz Natura está a conmemorar este curso os cinco grandes temas que abordaron durante estas dúas décadas nas catro provincias galegas: a loita contra os incendios forestais, as reforestacións, a limpeza de zonas degradadas, a reciclaxe e os hortos escolares. A primeira actividade celebrouse en Ourense no mes de outubro e estaba centrada nos incendios forestais como xa vos contamos.

O colexio coruñés Carricanta acolleu en decembro a conmemoración da reciclaxe cuns xigantes de medio metro que ensinaron aos asistentes ao acto a súa contribución á redución, reutilización e a reciclaxe de materiais usados, e aos que non lles traizoaron os nervios ao atinar cos colectores adecuados para cada produto. Á actividade acudiron Valentín González, presidente da Deputación da Coruña; María García, tenente alcalde de Medio Ambiente no Concello coruñés; María Cruz Ferreira, secretaria xeral de Calidade da Xunta; e os integrantes do Comité Científico de Voz Natura.

A actividade sobre os hortos ecolóxicos tivo lugar no mes de febreiro no colexio lucense San Cosme. Os alumnos teñen un invernadoiro construído con botellas de plástico no que cultivan cenorias, cebolas, leitugas, froitos silvestres..., que en tempada trasplantan a catro pequenos hortos ecolóxicos e coidan con pesticidas naturais a base de ortigas que eles mesmos elaboran. Ademais, o alcalde de Barreiros; o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro; a xefa territorial de Educación, Mariña Gueimunde; Hilda Rubal e Bruno Salgado, do departamento mediambiental de Alcoa San Ciprián, e o equipo Voz Natura; puideron degustar pratos elaborados pola cociñeira do centro cos produtos cultivados nos hortos ecolóxicos do centro.

Pontevedra acolleu a última conmemoración que se celebrou ata o momento, a reforestación, que coincidiu coa celebración do Día Mundial da Árbore o pasado mes de marzo. Os alumnos do CEIP A Lama, centro que leva vinte anos participando en Voz Natura, plantaron máis de 50 exemplares de cerdeiras, bidueiros e castiñeiros na ladeira do antigo vertedoiro de Racelo. Ao acto asistiron o alcalde da Lama, Jorge Canda; a presidenta dos comuneiros da Lama, Mercedes Fernández; o Xefe Territorial de Medio Ambiente de Pontevedra, José Manuel González González; o Xefe Territorial de Medio Rural de Pontevedra, Antonio Crespo Iglesias; o Xefe de Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais en Pontevedra, Francisco Gutiérrez; o xefe territorial da Consellería de Educación, César Pérez; e unha representación do equipo Voz Natura.

A finais deste mes, celebrarase en Vigo a última das cinco actividades conmemorativas do 20 aniversario, a recuperación de zonas degradadas. Manterémosvos informados!