Volve o Día da Ciencia na Rúa

Terá lugar o sábado 4 de maio, no Parque de Santa Margarida, de 11.00 a 19.00 horas

O Parque de Santa Margarida converterase un ano máis no epicentro de centos de actividades de bioloxía, tecnoloxía, matemáticas e física ao alcance de todos os públicos e da man de preto dun milleiro de escolares e profesorado de 54 centros educativos da Coruña, Betanzos, Cambre, Carral, Arteixo, Cerceda, Culleredo, Coristanco, Oleiros, Ordes, Pontedeume, Outes, Arzúa, Ribadeo, Miño, Ortigueira, As Pontes, Baio, Ribeira e Poio.

Un hotel de insectos, experiencias sobre hidróxeno verde, lentes de realidade virtual para ver o interior do corpo humano, un túnel do vento, a construción dun periscopio, un obradoiro de panadería, un código Morse con Arduino, un proxecto de simulación da ecolocalización dos morcegos, filtros naturais para a auga ou un piano electrónico onde as teclas son froitas son algunhas das propostas que traerán desde as súas aulas para convidar o público a gozar e aprender neste Día da Ciencia na Rúa.

Xunto a eles, persoal da investigación e divulgación presentarán un diverso programa de actividades para toda a cidadanía nos postos da Cátedra Emalcsa-UDC, a Facultade de Ciencias da UDC, a Escola de Enxeñeiros de Camiños da Universidade da Coruña, o Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA), o Centro de Investigación en TIC (CITIC), o Centro Oceanográfico da Coruña, o Instituto de Investigacións Biomédicas da Coruña (INIBIC), a Fundación IMQ San Rafael, o Servizo Municipal de Educación da Coruña, a asociación Luzada da USC ou a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos.

Tamén haberá numerosas actividades paralelas na contorna do edificio da Casa das Ciencias ofrecidas pola Asociación Galega de Xadrecistas-AGAX, a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, Bricolabs, Incude (Iniciativas Culturais e Deportivas Universitarias), UDCiencia d+i, ademais dun concerto da Banda Municipal da Coruña ás 12.00 horas e un espectáculo de monólogos científicos da man da Ciencia Calidade partir das 17.30 horas.

Xornada de portas abertas nos Museos Científicos

Os Museos Científicos Coruñeses programan este día cunha xornada de portas abertas nos seus tres centros, a Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae, en horario de 10.00 a 19.00 horas Organizado por Museos Científicos Coruñeses-Concello da Coruña, Asociación de Amigos da Casa das Ciencias e Cátedra EMALCSA-UDC.

Coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía – Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

Categories: Sorpréndete