Nado na aldea de Chorén no verán de 1972, é licenciado en Física grazas ao esforzo extraordinario dos seus pais e a unha morea de persoas apaixonadas da vida que lle transmitiron a súa inquedanza por saber e saber facer. Ademais da súa familia, está namorado da ciencia, do campo e da xente humilde, e ten como ambición que a xuventude actual medre máis ca nós, en todos os sentidos. Explica matemáticas e tecnoloxía no Colexio Diocesano San Lorenzo de Lugo dende fai 21 anos e dende o inicio propuxose o reto de conectar o distante mundo das matemáticas coa vida cotiá dos rapaces. Tamén lle gusta investigar e comunicar, que son os seus deportes favoritos, polo que lle da renda solta ao maxín no sitio web www.fonte.es -a súa casa virtual-, que constrúe aos poucos e onde fai o adestramento para manterse ao día e para axudar a quen por alí se asome.
Unha experiencia/proxecto/iniciativa que te influíse?
Esta cuestión é moi complicada de responder porque son moitas as experiencias e moi bonitas todas. As que máis me influíron foron as que tiven cando era neno e mozo porque deixaron unha fonda pegada na miña forma de ser e de entender a realidade. Tiven a sorte de coñecer a profesores e profesoras que eran felices co que facían e proxectaban un gran optimismo no traballo que realizaban cos rapaces. Eran rigorosos á vez que simpáticos e translucían unha vida intensa máis aló das aulas relacionada coa súa especialidade. Batín con moitos mestres apaixonados.
Máis adiante, xa finalizando a carreira, sufrín as consecuencias do falecemento de miña nai. Isto fixo que valorase a vida con máis realismo e sinxeleza. Tiven que baixar da “nube” para botar unha man na casa e gañar algo de diñeiro dando clases particulares aos rapaces da comarca. Moitos deles tiñan dificultades que ían máis aló do académico: había que darlles moito apoio psicolóxico, había que animalos e, de vez en cando, diluír os seus problemas resaltando as potencialidades e a conveniencia de acadar uns obxectivos.
Cando empecei a traballar como profesor no ensino regulado, continuei con esta filosofía de “baixarse ao alumno” e de demostrarlle moita empatía, máis con feitos que con palabras bonitas.
Un dos recursos que emprego para compartir experiencias cos alumnos a un nivel máis persoal consiste en levalos á horta (enténdase literalmente). Na horta preséntanse moitos problemas: o primeiro é botar contas para mercar cousas, despois programar o que se planta, ao debido tempo facer os regos e manter unha separación concreta entre vexetais. Hai que saber de química para abonar axeitadamente, hai que calcular o rendemento da colleita, hai que facer porcentaxes, estatísticas, extrapolacións, xeometría…
A horta está viva e débese coidar axeitadamente: nela cultívase o espírito da responsabilidade e do esforzo. En moitas ocasións hai que poñerlle cara ás inclemencias que estragan os cultivos pero que non nos deben afastar do obxectivo. Tamén se obtén o froito, unha recompensa polo traballo ben feito e a satisfacción de convivir en equilibrio coa natureza.
Unha anécdota?
A carón da horta temos un curral con galiñas. Imos dúas veces por semana a darlles de comer e cambiarlles a auga. Algúns rapaces téñenlle medo ás pitas e non queren entrar. Poñen como escusa que se van a ensuciar ou que lles van picar. Nunha ocasión un mozo que cursaba 1º de BAC agardou no prado, fóra do galiñeiro, polo motivo que comentei antes. Mentres os demais se encargaban de atender ás pitas, o mozo botou a correr coma un tolo e a berrar e perdémolo de vista. Estabamos preocupados por se lle picara algún bicho. Entre todos fomos mirando del, uns por un lado e outros por outro, ata que o atopamos a 300 metros da finca onde está o galiñeiro e a horta. Preguntámoslle que lle pasara e contounos que escapou porque vira entre as herbas un perigoso rato que se lle achegaba con malas intencións! Estrañounos moito e causounos graza porque sabiamos que o rapaz quería ser militar.
Unha reflexión, cita, idea inspiradora...
Unha suxestión a educadores para innovar en educación?
Creo que un dos males do mundo moderno é o afastamento que mantemos -cada vez máis pronunciado- coa natureza. Preferimos a bixutería do mundo artificial ás xoias que ofrece o mundo natural. Por exemplo, non é saudable o estilo de vida que levamos ou a alimentación caprichosa que seguimos. Tampouco é sensato pasar a metade da vida mirando para unha pantalla mentres perdemos de vista a paisaxe, o horizonte, o norte.
Non conformes e preocupados por estas cousas, os que nos dedicamos ao ensino debemos poñer empeño e valorar moito máis a aprendizaxe que xorde de somerxerse no medio natural. Collamos como manual preferente ese libro aberto infinito do que formamos parte e que se chama Natureza. Eduquemos a partir dos feitos, dando exemplo!