Jorge Pazos

Naceu na localidade da Guarda en Pontevedra hai 43 anos (en 1977). Estudou maxisterio na facultade de Pontevedra e é mestre de Educación Infantil desde fai 16 anos. Comezou coma mestre nunha pequena unitaria onde coñeceu o Proxecto Voz Natura e desde aquela xa non o abandonou… Desde sempre encantoulle a natureza xa que a vila onde naceu e vive é un lugar excepcional para desfrutar dela: a desembocadura do Miño, o monte Santa Tegra cas súas marabillosas vistas, os paseos a beira do mar… así como a riqueza paisaxística da que tamén desfrutan os seus concellos veciños: os Muíños do Folón a Serra da Groba, etc.

O mellor da túa profesión?

Coma Mestre de Educación Infantil encántame que os nenos e nenas fagan moitas actividades relacionadas co medio natural e que exploren, investiguen e experimenten por eles mesmos a maior cantidade de cousas posible. No centro no que traballo desde fai 14 anos temos un equipo de Educación Ambiental formado por varios mestres para que as actividades relacionadas ca natureza se fagan cos nenos e nenas de todo o colexio (infantil e primaria).

O maior recoñecemento que obtivemos ata o de agora foi o Premio ao mellor proxecto medioambiental da provincia de Pontevedra no ano 2019, grazas ao cal puidemos ter no noso colexio unha aula da natureza con forma de Domo Xeodésico ( xa temos a estrutura, o pavimento e algún mobiliario e estamos agora mesmo tentando dotala de recursos).

Unha experiencia, proxecto ou iniciativa?

Coma experiencia é de dicir que cando eu estaba no colexio os meus mellores recordos son de actividades no medio natural: un mestre que nos levaba a pintar paisaxes, unha saída para observar aves no Esteiro do Miño,…

Todo iso era o que quería transmitir aos meus alumnos e alumnas, experiencias significativas, por iso cada curso gústame realizar varias limpezas de praia ou de costa, plantacións, saídas ao entorno natural … (en todos estes anos visitamos o Monte Aloia, os Muíños do Folón, a aula da natureza de Areas en Tui, fixemos varias plantacións no Monte Tegra, no monte Torroso, fixemos limpezas na praias do Muíño, da area grande… e un longo etc.). Todo isto sempre tentando coordinarnos con outros colexios (Sinde, Sangriña), asociacións (Asociación Avelaíña) e comunidades de montes (A Guarda, Camposancos).

Tamén atopei no proxecto Voz Natura unha iniciativa que permite traballar moitos dos contidos antes chamados transversais e englobar todas as actividades relacionadas co medio, darlles unha visibilidade e unha importancia moi grande a nivel centro e a nivel comunidade educativa. A dotación económica a través dos anos, permite ir adquirindo materiais que doutra maneira non sería posible (ou polo menos menos viable). Sentes que o teu traballo de centro é valorado ( grazas as visitas de Alejandro) e que formas parte dunha comunidade que sente e traballa no mesmo camiño ca ti.

Unha anécdota?

Sempre que atopo algun animal gústame levalo a clase e logo soltalo, tivemos un hámster (fuxiu da gaiola e tivo un final “tráxico” xa que o “atopamos” ao mover un moble), caracois (unha noite fuxiron todos comendo o cartón que utilizábamos coma tapa e pola mañá apareceron no teito da aula, no encerado, comeron folios, fichas…), un gatiño que aparecía polo patio, formigas, escaravellos,… pero sempre lles conto aos nenos e nenas que teñan moito coidado cas gaivotas xa que unha vez ía cara o colexio de arriba (no noso colexio, Infantil e Primaria están en edificios diferentes) e topeime cunha gaivota ferida (tiña unha ala rota); “iluso de min” por tentar axudala, collina no “colo” e me dispoñía a levala a xunto a directora e a profe Olga para chamar a asociación Anabam e que viñeran a recollela cando a Gaivota “atacoume” tentando picarme nun ollo!!. Solteina rapidamente claro, despois a profe Olga explicoume que para collelas e que non se sentiran ameazadas había que taparlles a cabeza, e así foi, envolvémola nunha manta ca cabeza tapada e puidemos levaba para que a curasen.

Outra anécdota é relacionada cunha nena que estivo comigo con 4 e 5 anos. Encantábanlle os bichos, sempre collía formigas, caracois, escaravellos, saltóns… sempre tiña que darlle algún boteciño ou vaso para que os levase para casa e logo os soltaba. Un día regaleille unha caixiña para observalos. Agora ten 9 anos e non só sigue tendo a caixiña, senón que ela mesma lles fabrica casiñas de papel e cartón: hoteis, hospitais, todo en miniatura!

Unha reflexión ou persoa inspiradora?

Inspirou especialmente a miña forma de traballar unha compañeira do colexio que se xubilou o pasado curso. Desde o principio a profe Olga foi un exemplo constante do que aprender, e xuntos colaboramos en infinidade de actividades. Unha mestra cunha conciencia ecolóxica inigualable e cun amor e respecto cara a natureza moi difícil de superar e que sabía transmitir dunha maneira brillante aos nenos e nenas non só os contidos dos libros de texto, senón a marabillosa realidade que nos rodea.

Unha cita?

Ortega y Gasset escribe as seguintes palabras: “Eduquemos a los niños a ser niños. El mejor hombre no es nunca aquel que fue menos niño, sino al contrario: es aquel que cuando llega al trigésimo año de su vida encuentra reunido en su corazón el maravilloso tesoro de la infancia”

Penso que ese marabilloso tesouro non é outro que a fermosura dunha flor, as ondas na beira da praia, a brisa mariña, o verde dos bosques, as follas caídas…

Unha suxerencia?

Neste mundo inmediato, onde obtemos case todo cun sinxelo “clic”, onde a maioría de nenos e nenas pasan a maior parte do seu tempo libre fronte a unha pantalla… buscade actividades e experiencias que os acheguen ao mundo real e vivo, cantas máis actividades no medio natural e relacionadas co medio, mellor. Necesitamos volver a conectarnos ca natureza, a respectala, a coidala, a amala… a apreciar todo aquelo que nos da sen pedirnos nada a cambio. Aquel que camiñou cos sentidos ben despertos por un bosque ou por unha praia, sabe a paz que transmite o entorno, os pequenos descubrimentos que ahí se agochan, a vida nas pequenas cousas, en definitiva, a aperta da nosa nai, “a natureza”.