Alberto comezou coma profesor de secundaria de matemáticas no 2016, despois de rematar os seus estudos de arquitectura. Desde a época de estudante foi voluntario de Arquitectura sen Fronteiras no grupo de Educación para o Desenvolvemento e actualmente é coordinador do proxectoterra, unha iniciativa do Colexio de Arquitectos de Galicia para a aprendizaxe da arquitectura, paisaxe e hábitat nos diferentes niveis educativos. Tamén colaborou en diferentes podcast como La Morsa Era Yo Arquitectura ou Habitando.
Actualmente forma parte da Asociación Galega de Profesorado de Educación Matemática (AGAPEMA) e tamén colabora no grupo de facebook de Profesorado de secundaria de Galiza/Galicia.
Podes atopalo en Facebook, Twitter ou Instagram.
Cóntanos unha experiencia que che influira especialmente para innovar na túa forma de educar.
O primeiro que me influíu para innovar foi o propio profesorado que tiven durante a miña educación obrigatoria, na que desenvolvemos diferentes proxectos relacionados con persoas coma Consuelo Varela (literatura), Secundino Lorenzo (matemáticas) ou Rafael Boullón (química).
Posteriormente, sempre pensei que é moi importante relacionar a aprendizaxe a nosa contorna a través de experiencias manipulativas ou saídas de campo nas cales verificar os coñecementos teóricos e prácticos aprendidos na aula. E isto fixo que durante a realización do mestrado de profesorado me centrara no uso das matemáticas manipulativas para a explicación da xeometría.
Ao incorporarme como docente e ter a posibilidade de compartir espazo e de colaborar con outros docentes de diferentes materias (María Seoane, María Rei, Xacobo de Toro, Rocío Romar, Miguel Ángel Díaz, Fernanda Moltó ou Sandra Sambade, entre outras), tanto nos clubes de ciencias como en proxectos concretos como Xeoclip, fixo que aprendese moitas dinámicas de traballo grupal e de colaboración e relación das aprendizaxes.
Cóntanos unha anécdota.
Vou contar dúas relacionadas con elementos manipulativos: unha aconteceu nas aulas e outra na rúa, durante unha xornada científica.
A primeira é a da estrutura inchábel. No ano 2014, no Festival da Escola de Arquitectura da Coruña (FETSAC), construírase unha estrutura inchábel feita con plástico, cinta adhesiva e un ventilador. Catro anos máis tarde, sendo eu xa profesor no IES Agra de Leborís da Laracha, comenteille ao alumnado que ía levar un inchábel para traballar os corpos xeométricos. Elas pensaban no inchábel das feiras para saltar e quedaron moi sorprendidas ao ver a estrutura e descubrir que podían entrar dentro para medir as áreas de plástico e o volume de aire do interior. Esta mesma estrutura utilizámola anos despois noutros centros.
A segunda é a da cúpula xeodésica feita con paus e pezas de unión impresas en 3D. Esta cúpula, de 3 metros de diámetros, montouse en Ourense nunha actividade de “Prazas con Ciencia”. Na montaxe colaboraron máis de 10 persoas e estivo montada no medio da praza durante toda a xornada. Esta actividade tamén se levou a cabo na aula explicando a importancia das triangulacións e o traballo en equipo para facer unha construción coma esta.
Unha cita inspiradora?
Vou escoller unha cita do pedagogo francés Célestin Freinet. Di así: “Un sorriso amábel, unha palabra prometedora, un pouco de calor no corazón, unha perspectiva humana, a liberdade ou, máis ben, o dereito que posúe o individuo a escoller el mesmo o camiño por onde se adentrará, sen corda, nin cadea, nin barreiras. Foi necesario moi pouco, mais ese pouco é todo. Se conseguides cambiar o clima da vosa aula, se deixades que se desenvolva a libre actividade, se sabedes quentar un pouco os corazóns cun raio de luz que suscite a confianza e a esperanza, superaredes o traballo de soldado e o voso traballo renderá ao cento por cento. Este raio de luz é todo o segredo da Escola Moderna”.
Unha suxerencia ás persoas educadoras para innovar en Educación?
A primeira suxerencia é poder traballar colectivamente e se é de maneira interdisciplinar moito mellor, xa que se incorporarán visións novas. E, por outro lado, poder compartir todo o que se faga, tanto se tivo éxito coma se non, para que outras persoas poidan replicar ou mellorar a propia práctica innovadora.