O 23 de setembro ábrese o prazo para que docentes de Secundaria e Bacharelato se inscriban de xeito gratuíto neste curso
Con motivo do 20 aniversario de Galiciencia, Tecnópole vai promover un curso gratuíto para docentes de Secundaria e Bacharelato de toda a comunidade, centrado na investigación no ámbito educativo. Con esta iniciativa búscase mellorar as habilidades do profesorado para estimular e guiar do mellor xeito posible ao alumnado no desenvolvemento de proxectos de ciencia e tecnoloxía. Tes aquí toda a información para participar.
Durante o curso, abordarase como xerar e enfocar un tema de investigación. Explicarase como orientar á rapazada neste proceso, desde a planificación e realización da investigación ata a análise dos resultados e a comunicación dos mesmos. Incidirase en aspectos clave como saber identificar recursos fiables, aportaranse consellos para evitar o plaxio, ao tempo que se aportarán ferramentas tecnolóxicas de grande utilidade. Amosarase así mesmo como se debe presentar un traballo de investigación científica, tanto escrito como oral. Por último, exploraranse feiras galegas e nacionais como Galiciencia, ás que o alumnado pode presentar as súas propostas.
Esta actividade formativa constará de varias sesións on line, que se desenvolverán ao longo dos vindeiros meses, de outubro a decembro, e outra presencial que terá lugar no Parque Tecnolóxico de Galicia en xaneiro de 2025.
O curso impartirano Patricia Barciela e José Viñas, coordinadores do espazo dedicado á Innovación Educativa de Voz Natura.